• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

O estado do home rico

«Un millonario decidiu visitar un sufí para obter a súa beizón. Realizou unha longa viaxe acompañado por unha rechamante comitiva e ao fin chegou á morada do sabio.

-Ó, Iluminado! -exclamou o home rico ao estar en presenza do sabio-. Mestre cuxas invocacións obteñen sempre resposta, ofrece unha oración por min!

-Que oración queres que realice? -preguntou o sufí.

-Pide -respondeu o potentado- que nunca caia nun estado inferior ao que agora posúo.

O sufí estivo de acordo e pregou por el.

Algúns anos máis tarde o sufí entrou nun miserábel caravansar e atopou un mendigo que, vestido con farrapos, o atacou en canto nel reparou.

O sufí dixo:

-Cal é exactamente a túa queixa?

-Queixa? Olla para min, pedindo esmola e infeliz…!

-A túa oración -dixo o sufí- con certeza obtivo resposta. O teu estado era de cobiza e inseguridade, e aínda te atopas fortemente atrapado nas súas garras.»

(Idries Shah, El yo dominante. Barcelona: Kairós, 1999, pp. 171-172. Mudado para galego por Alfredo Ferreiro)

Leave a Reply