Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega
Pronunciamento da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ante das eleccións ao Parlamento
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer pública a súa demanda de implicación dos partidos e organizacións políticas que concorren a estas eleccións co obxecto de incluíren nos seus programas de goberno a defensa activa e efectiva dun sistema literario galego e en galego.
Demandamos, dos partidos e organizacións políticas que presentan candidaturas ao Parlamento, que inclúan nos seus programas as xustas reivindicacións do colectivo de escritoras e escritores en lingua galega no referente á irrenunciábel defensa e promoción da lingua e da cultura propias de Galiza en todos os ámbitos de actuación e responsabilidade gobernativa.
A literatura, e o idioma que a expresa, debe ser comprendida como un factor de desenvolvemento sociocultural favorecedor do autocoñecemento como corresponde a Galiza, nación cunha das máis antigas culturas de Europa.
Concibimos a literatura e a lingua galega como creadoras de cidadanía con valores democráticos, como depositarias e defensoras da nosa identidade como pobo, como instrumentos necesarios e irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza dun maior status político e xurídico, único xeito de non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.
Entendemos que a literatura e a lingua consolidan os dereitos dos pobos e son a vacina protectora para a consecución dunha democracia coa suficiente calidade e eficacia como para que mereza ser así chamada, que nos converte en individuos dun pobo cunha cultura e un idioma senlleiros.
Defendémolo nun momento en que, de continuar a asfixia económica programada que está a padecer o tecido cultural da Galiza e tamén as industrias culturais, pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social.
É por isto que demandamos dotación económica, verdadeiramente comprometida e en clave de aposta de futuro, nos orzamentos da administración galega, posto que a cultura tamén forma parte da economía produtiva do noso país. Asemade, requirimos da administración galega instrumentos de xestión para o achegamento da literatura e polo tanto tamén dos escritores e escritoras á sociedade galega e de xeito transversal, sexa a través do ensino do galego e en galego, así como da visibilización da literatura en galego, desde as actividades de goberno como son o turismo cultural, ou os servizos sociais, até aquelas actividades dirixidas á formación dunha xuventude crítica e educada para o respecto, a paz e a solidariedade.
Como primeiras medidas do novo goberno, solicitamos:
1. Reposición da desaparecida Consellaría de Cultura.
2. Creación dunha Dirección xeral do libro.
3. Creación dun Instituto de promoción da cultura galega no exterior.
4. Participación das escritoras e escritores galegos e od sistema editorial que difunde e amplifica a súa creación nas feiras e mercados internacionais.
5. Apoio ao teatro galego.
6. Promoción para a recuperación da memoria histórica da literatura oral.
7. Recuperación e posta en valor dos Premios Nacionais da Cultura Galega.
8. Elaboración dun plan da lectura.
9. Apoio efectivo aos medios de comunicación en galego.
10. Elaboración dun plan director da cultura galega, e en concreto do libro en galego, que desenvolva a lei do libro na súa condición de industria estratéxica.
11. Restitución do uso do galego no ensino de todas as áreas de coñecemento técnico ou científico (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía), dada a importancia da escrita e da creación científica no desenvolvemento dunha cultura plena.
12. Expropiación da Igrexa de Bonaval e acceso libre ao espazo público e laico que para as galegas e galegos debe ser o Panteón de Galegos Ilustres.
Así mesmo, trasladamos á cidadanía a nosa preocupación polo progresivo deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua, polo que lles rogamos que, á hora de decidiren a opción política que a vai representar durante os próximos catro anos, preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto expresadas nos seus programas electorais.
8 thoughts on “Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega”
Comments are closed.
Niso está equivocado,G, os premios non son regalos económicos. Os premios están suxeitos ao cumprimento dunhas bases que describen os méritos a ter en conta, son regulados mediante un procedemento que debe asegurar a súa limpeza e acostuman a ser outorgados por un xuri que representa a toda a sociedade; teñen un valor de incentivo á creación e polo xeral axudan os creadores a continuar coa súa obra. Os regalos, pola contra, só están regulados polo cariño da nosa avoa, o arrepentimento de alguén que nos fixo mal ou o interese que teñamos en caerlle ben a alguén.
Comprendo que se poda cuestionar o interese dos premios, mais non concordo en que deban reducirse a regalos económicos caprichosamente outorgados desde os poderes fácticos; isto a respecto dos premios en que eu puiden participar, outra cousa serán os grandes premios das editoras multimillonarias, correntemente acordados para beneficio empresarial.
Entendo tamén que Marías rexeite o premio este, coas razóns que argüíu. Recentemente coñecín en persoa o Luandino Vieira, quen rexeitou un Premio Camões, tamén porque estimou que o escritor non precisa recibir un feixe de cartos de mans de quen non os gañou nin lle pertencen, cando estes persoeiros podían facer con ese diñeiro moito máis pola cultura que aproveitar máis un motivo para saíren na TV.
E tamén opino que concederlle un premio a alguén non é necesariamente decidir que é mellor que outros, senón escoller entre varias obras aquela que no criterio dos xurados atinxe maior aceptación.

Unha cousa ao meu entender son cargos públicos que teñen unha función a realizar ou axudas públicas para un proxecto, e outra un regalo económico que podería ser empregado noutras actividades para promoción da lectura e uso da lingua. Creo que as institucións adicadas a xestionar o diñeiro público non deberían adicarse a decidir quen foi o mellor ou o peor. Mais ou menos o que dixo Marías, o cal, por certo, xa ten suficiente prestixio e diñeiro como para poder permitirse o rexeitamento do premio.
Entendo que os Premios poden chegar a ser pouco limpos, mais non é necesariamente así. De feito, non hai nada que non poda ser suxado pola manipulación intereseira de capeliñas; é un risco que existe en toda institución, mais non por iso todo o que se institucionaliza se volta deshonesto. Cómpre esforzarse en utilizar procedementos que garantan a limpeza e mostren ao tempo a súa transparencia; se isto non fose posíbel, pola mesma regra ningún acceso a cargos e axudas públicas sería nunca realizada en condicións de dignidade e igualdade entre os cidadáns.

E que ese recoñecemento referencial créase sempre a favor duns e contra dos demais. Na miña opinión todo ese tipo de premios saidos de institucións, coma os propostos, so serven para que se promocione certa xente que teña peso sobre as decisións. So hai que ver como se reparten os premios coma o Nobel, o Cervantes ou os nacionales en lingua castelá. Mafioseos evitábeis.
Supoño que para que exista un recoñecemento periódico referencial no ámbito da cultura, entendo eu. A cultura ten un valor real e simbólico esencial catalizar unha nova perspectiva de futuro que parta do país, e que non proveña dun epicentro alleo. É a miña interpretación, sen ter tido nada a ver coa elaboración do pronunciamento.
Partillo o resto das peticións, so unha me confunde un pouco. Para que os premios nacionais da cultura galega?