• contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Pola biodiversidade do portal de Belén

“Segundo Joseph Ratzinger, máxima figura da Igrexa Católica baixo o nome de Benedicto XVI, a imaxe que temos na memoria sobre o portal de Belén contén varios datos sen rigor histórico. Segundo este erudito non cabe dúbida da realidade histórica “do nacemento de Xesús e da virxindade de María”, ao tempo que son invencións puras a presenza da mula e do boi, así como a funcionalidade da estrela que, segundo sempre escoitamos, guiou os Reis Magos até o lugar do evento: para o Papa actual era unha supernova, á que non se lle pode atribuír vontade algunha salvo a de consumirse seguindo unha órbita froito do azar.

Ficamos atónitos ao ver a falta de sensibilidade poética que demostra alguén que sen dúbida debe coñecer o valor profundo da Tradición, aquel conxunto de códigos que serviron através de milenios para falar do humano e o divino, do ancestral misterio que supón a nosa presenza no mundo e o destino final a que habemos de someternos. Son milenios os que levamos reutilizando os símbolos que, estruturados en aparentemente sinxelas alegorías, nos serven para transmitirmos e xogarmos a comprender o misterio irresolúbel da existencia. Alegorías de carácter esotérico, moitas veces, que agachan significados ocultos para aqueles que non coñecemos o código por falta de estudo, de experiencia ou por distancia temporal. Símbolos que foron feitos por mentes sabias e corazóns puros para transmitir o coñecemento esencial nunha época dada, e teñen, como todos os estudosos da literatura esotérica saben, diferentes datas de caducidade.

Se nos fixamos na alegoría do portal de Belén, con facilidade varios significados acoden a nós:

I) O espírito é superior á materia, por iso Xesús nace na máis evidente pobreza, demostrando que a realeza auténtica non ten a ver coa proeminencia social.

II) A Verdade é recoñecida polos corazóns puros, independentemente da súa condición social. Por iso adoran o Neno tanto os pastores canto os Monarcas.

III) As cualidades divinas de Xesús implican o amor por toda a Creación. Deste modo, a mula e o boi, tantas veces entendidos como meros recursos para o traballo, aparecen personificados del tal modo que perciben o valor do recén nacido e deciden fornecer calor na súa vinda ao mundo. Estas bestas representan as forzas brutas da Nai Terra que renden preitesía ao coñecemento superior.

IV) E a estrela, prezadas amigas e amigos, non é menos relevante, pois ten un valor cosmolóxico que se perde na noite dos tempos. “O de abaixo como o de acima”, dicían os antigos alquimistas, se lembramos un dos seus lemas esenciais, o que quer dicir que o que acontece na terra é reflexo do que acontece no ceu. Deste modo, que unha estrela dirixa os Reis até o lugar do evento que procuran, só pode significar que: a) no ceu estaba escrito que había de nacer o Elixido, o que remite para a aparición dunha Potencia da Época; b) que existían persoas que capaces de interpretar as formas celestiais como indicios dos acontecementos terrenais, facto que presupón unha escola ou método para adquirir tal coñecemento.

En fin, cuestións como estas e moitas máis, provenientes da polisemia habitual que as mitoloxías de toda época comportan, son evidentemente aplicábeis á mitoloxía xudaico-cristiá. O que resulta sorprendente é que o Papa poda renunciar tan rotundamente ao valor gnóstico da alegoría relixiosa e apelar a unha racionalidade tan inapropiada como incongruente, se temos en conta que á par de mal vender a mula, matar o boi e apagar a estrela, pretende exhibir a pureza espiritual dunha nai lonxe precisamente de onde había de estar: no seu corazón.

Moitos son os cristiáns de toda época, así como todos os musulmáns, que viron e ven na figura de Xesús un home iluminado co mérito de Buda, Mahoma ou Lao Tsé. Que entenderon que María era unha muller e Xosé un home, e por tanto o produto de ambos un ser que chegou ao mundo medio cegado, cagando os primeiros tóxicos e chuchando da teta materna un líquido tan milagroso como mundano. Mais iso non impide que desfrutemos da fermosa construción alegórica que o mito nos ofrece, cheo de elementos simbólicos habilmente combinados para mostraren a relevancia cosmolóxica dun nacemento, paradoxalmente, tan común. O que non é de recibo é mesturar o pensamento racional coa fe máis obtusa, a non ser que se queira romper todo esquema tradicional para facernos caer na falta total de referentes poéticos, do que só se beneficiaría un fundamentalismo exacerbado sen nada verdadeiramente humano que ofrecer.
[…]” {Ler no Praza Pública}

 

Share