Un paraíso invisíbel

A realidade é que estabamos a desfrutar dunha xornada de amizade nun lugar paradisíaco, un espazo en que aínda as fragas, os soutos e as carballeiras acompañan leiras e prados, a carón de casas cinguidas por estreitas estradas que lembran os camiños que deben existir para alén da memoria do máis vello. Un contexto, en definitiva, en que o rural, sen esforzo, nos regala aromas, cores e saúde cunha intensidade que a máis requintada paisaxe urbana xamais poderá ofrecer. Entón, por que motivo esta persoa asume de xeito tan negativo o espazo que desde sempre a fixo feliz? Será que asume o tópico de que na aldea, ao contrario que na cidade, todo é miseria, ignorancia e atraso vital?
Probabelmente a veciña saiba que na cidade ela mesma non se daría, e que prefira esgotar os seus días na rutina de alimentar as galiñas moito antes que a camiñar con zapato fino pola Rúa Real. Mais hai algo de desprezo intrínseco na situación descrita, un desprezo que atinxe a terra e a vida labrega e, como non, tamén as persoas que herdaron un modo de vida secular. E resulta que ese modo de vida é unha vasta cultura que se concreta en horarios, organización do traballo, cultivos, gastronomía, festividades e como non, un modo estético de pensamento que se denomina lingua galega.
Chegados a este punto, xa sabedes por onde vou: como defendermos a lingua sen dar a entender á nosa xente que avogamos por un mundo vello e atrasado, aquel que representa para tantos a vida rural? Como defendermos o uso de galego para sermos máis modernos, porque a modernidade na globalización consiste en ofrecer ao mundo un particular modo de ser? Como demostrarmos que sen tradición non hai identidade? Como demostrarmos que a nosa tradición é digna e que nela residen os regalos do presente e os tesouros do futuro?
Se cadra non existen as fórmulas máxicas para respondermos preguntas así. Se cadra é preciso, simplemente, o esforzo particular e diario de quen só pretende mellorarse a si mesmo en coherencia e dignidade, sen importarse polo que opinen del. Se cadra é iso o mellor que se pode ofrecer.
{Publicado en Prolingua}
2 thoughts on “Un paraíso invisíbel”
Comments are closed.
Grazas, Peke. Teño que admitir que xa estou a pensar nunha segunda parte sobre o valor que ten, partindo sempre desta harmonía indifidual necesaria, a asociación para un fin común; algo que precisa unhas regras claras para que non leve nin ao liderado nin á frustración individual.
Estupendo post.