O Grupo Surrealista Galego nas Portas Ártabras
A maioría das persoas que poden agora ver este inspirado video do compañeiro Tono Galán poderán facerse unha idea do que foi aquela noite nas Portas Ártabras, un lugar cativador pola súa querencia á Pedra e á Arte. Non foi unicamente a presentación do excelente libro Esplendor arcano do caro amigo Ramiro Torres, senón un paso máis, e non pequeno, da investigación poética que o GSG tenta levar a termo en todos os seus actos públicos.
A ninguén sorprende observar que nos últimos tempos os recitais poéticos máis atraentes son aqueles en que se abandona un estándar demasiado formal. Neste sentido algúns grupos de poetas teñen avanzado no carácter oral da poesía até o punto de convertela en parte dun espectáculo que se desenvolve no ámbito da canción ou do teatro. É esta unha volta á oralidade ancestral da poesía que resulta moi agradábel, mais que nada ten a ver coas pretensións do Grupo Surrealista Galego.
Efectivamente, no GSG nada estamos a facer por actualizar un xénero literario, nen ficamos preocupados coa aceptación maioritaria dos nosos actos públicos. Os nosos obxectivos están nun outro lugar, un lugar misterioso. E non é misterioso porque nós pretendamos ocultalo, senón porque ese Misterio é mesmo o obxectivo da nosa actividade, que por súa parte non é misteriosa, senón pública como vimos de recoñecer aquí.
O Misterio é o obxectivo, e sobre el pretendemos deitar luz. Por iso nos nosos actos nos esforzamos por saír do convencional e deixarmos que o Misterio se apresente, ele mesmo, aínda que chegue envolto ao noso pesar no encobrimento que lle é propio. Nós tampouco destacamos por sermos os máis sorprendentes de todos, iso sería propio de alguén que pretende vender algo, algo aparentemente novo que non for máis que o de sempre vestido con roupas adquiridas nun falso futuro. Nós queremos ser do presente, e é por isto que non podemos máis que convocar a Musa, ou a Deusa antiga que todos os nosos actos preside, esa alma que non pena senón que nos ilumina por dentro sempre que o corazón se abre para deixar fuxir a treboada e dar abrigo á harmonía que a Poesía ofrece.
É, necesariamente, un acto máxico ancestral o que se pretende, e isto non se pode describir en termos de actualidade, e moito menos predicir. É algo que se procura, é algo que hai que ter vontade de atopar.
{GSG VIDEO ESPLENDOR ARCANO from MrEIDANPELIS on Vimeo. Un vídeo do amigo do GSG Tono Galán}