• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Comunicado da Federación GALEUSCA

COMUNICADO DA FEDERACIÓN GALEUSCA de Asociacións de Escritoras e Escritoras en linguas galega, éuscara e catalá sobre o segundo anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)

(A Coruña, 11 de marzo de 2013) O compromiso público coa cidadanía que a Federación Galeusca asumiu desde a súa fundación, obríganos a pór en coñecemento da sociedade a nosa preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán, propios e oficiais de Galiza, Euskadi e Paisos Cataláns, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións, sexan estas de ficción ou de ensaio e investigación.

Constatamos a incoherencia da teorización recollida na exposición de motivos do anteproxecto de LOMCE e, por tanto, a inviabilidade da súa concreción educativa no futuro formativo do alumnado, ao pretender defender como alicerce deste novo regulamento a calidade educativa desde o reforzo de valores, competencias e coñecementos no alumnado do Estado, marxinando e restando espazo de aprendizaxe activa á diversidade lingüística e cultural que sustenta o Estado español e que reafirman os nosos limitados e insuficientes Estatutos de Autonomía.

Entendemos que non pode avanzarse na mellora da calidade de aprendizaxe global do individuo se se prescinde ou limita a súa capacidade para coñecer e recoñecerse no seu contorno, marcado pola heteroxeneidade e a diversidade lingüística e cultural; democracia, respecto, solidariedade e equilibrio son palabras que perden, con esta filosofía segregadora que o anteproxecto de LOMCE ampara, o seu valor e centralidade máis profunda.

Resulta imposible defender a necesidade de formar unha sociedade aberta, plural, global e participativa, capaz de desenvolver ao máximo as capacidades de cada persoa se, partindo dunha estratificación a tres niveis das materias que se imparten nos currículos, as nosas linguas deixan de estar en pé de igualdade co castelán como materias troncais, que si manteñen a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira, para pasar a ter a mesma consideración que unha segunda lingua estranxeira, nunha posición xerárquica inferior á que se lle concede á materia de Relixión.

Neste sentido, consideramos que este segundo anteproxecto empeora substancialmente o primeiro borrador da lei presentado no seu día, o que evidencia non só a falta de respecto ás linguas e culturas nacionais do Estado español, senón o desprezo que lles merecen aos seus redactores, pondo en evidencia a súa obsesión por, como recoñeceron, españolizar a infancia e mocidade dos nosos territorios nacionais.

Cremos que a vontade que recolle o documento de querer elaborar unha reforma educativa «sensata, práctica, que permita desenvolver ao máximo o potencial de cada alumno» contradise na interpretación da cuestión propiamente plurilingüe que caracteriza o Estado español e na posta en valor e protección de garantía de futuro para as diferentes linguas cooficiais que a Constitución obriga.

É por iso que, tras a lectura deste anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, trasladamos á cidadanía a nosa preocupación pola progresiva deterioración tanto do prestixio social como do acceso ao dominio oral e escrito das nosas linguas para as xeracións máis novas, e esiximos aos responsables que retiren este borrador e traballen, desde a capacidade de diálogo e negociación precisa coas partes afectadas, nunha nova redacción consecuente coa realidade plurilingüe española, onde se recoñeza a capacidade de todas as linguas oficiais do Estado para crear habilidades cognitivas, enriquecer competencias transversais, ampliar o pensamento crítico, xestionar a biodiversidade natural e fomentar as destrezas creativas e a capacidade de comunicar e entenderse desde un eu que respecta ao outro […]. {Ler máis na Axenda Cultural AELG}

Share

Leave a Reply