• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Medios, comunicación e poder

Esta semana está a desenvolverse un seminario na Normal (UDC) pertinente como poucos: Medios, comunicación e poder. Despois de escoitar o luns as intervencións de Javier Toret (vía web), Tati Mancebo e Iván Sánchez sobre o uso das ferramentas hoxe imprescindíbeis para comunicármonos e traballarmos horizontalmente, na tarde de onte puiden acudir á fase final da segunda sesión de Análise de medios. Na Mesa de medios figuraban representantes de Cuac FM, Sermos Galiza, Praza Pública e Novas da Galiza, que contaron as liñas mestras dos seus proxectos e a viabilidade actual dos mesmos. As conclusións que tirei, apesar de faceren patente a dificultade dos tempos que vivimos, económica e politicamente, foron moi positivas.

Resaltouse na mesa o isolamento cidadán que se observa cando se descobren varias accións similares que se descoñecen mutuamente, o que constitúe unha intereseira segmentación social sen dúbida promovida polos poderes do sistema.

Defendeu alguén entre o público a necesidade de unir as enerxías dos varios medios alternativos para formaren un único con forza e recursos suficientes para enfrontarse aos medios convencionais, todos vencellados economicamente ao poder. A esta argumentación responderon que dubidaban moito desa estratexia, non tanto pola dificultade de atinxiren a altura económica necesaria mais porque hai que pór en causa o interese de termos a oferta informativa unificada, pois o monolitismo organizativo pode derivar en monolitismo ideolóxico e isto implica directamente a morte do xornalismo.

En xeral, a miña conclusión foi que todos eran coñecedores de cales eran os seus obxectivos e os seus recursos, e que en xeral están a traballar pola sustentabilidade dun xornalismo que, apesar de estar ferido de morte pola falta de independencia no ámbito da grande industria, ten un luminoso futuro por diante nestes proxectos que se basean nas auténticas necesidades informativas dos cidadáns.

Share