Un libro de Tati Mancebo inicia a publicación dixital de inéditos de Sermos Galiza
Cun libro de poesía da escritora e xestora cultural Tati Mancebo, Sermos Galiza aventúrase no mundo da edición dixital a través do formato epub. Mundo maquinábel, que agrupa dous poemarios da autora, é o primeiro dunha serie de títulos inéditos que irán saíndo progresivamente e que se poderán mercar a través da loxa con acceso no portal de Sermos Galiza. Rafa Villar será o autor do segundo libro publicado por este formato.
A nova colección non podería xurdir cunha autora máis entusiasta coas posibilidades do mundo dixital para a difusión da cultura. Xestora cultural, dinamizadora e coñecedora das novas tecnoloxías na súa aplicación á cultura, Tati Mancebo acolleu con singular ilusión o novo proxecto de Sermos Galiza e ofrécenos agora os argumentos que explican o seu apoio decidido á proposta. “Ao meu ver é un exemplo para o mundo editorial no que aínda que se fixo algún experimento con epubs non se asentou de maneira decidida. O maior esforzo de edición dixital deuse en vender pdfs mais agora estamos a falar dun formato creado especificamente para libros electrónicos”, explica Mancebo.
Cal é a ventaxa do epub? “Pois é un formato fluído, non unha imaxe como o pdf, os programas que os len recoñécenos como textos e fanos refluír pola pantalla”. Para Tati Mancebo, varios son os argumentos que a fan apostar pola edición dixital, a primeira en poñer en circulación obras a prezos moi baixos. “Permite unha maior difusión dos libros, a prezos económicos. Os autores e autoras, co libro publicado, teñen outras saídas como presentacións ou conferencias”, explica a tamén xestora cultural. O prezo dos libros na nova colección dixital será de 0,90 € […].
Mundo maquinábel contén dous poemarios da autora que toman un título con reminiscencia de Risco para a súa saída ao público. “O primeiro nace ao fío da tradición esotérica que cultivaron na súa xeración. A poesía é a linguaxe que che permite expresar o que non é expresábel noutros modos”, apunta Mancebo dunha concepción da poesía na que entende que “ten que provocar unha conmoción ao lector que o leve a outro sitio onde non pode chegar o poema”. O libro recolle dous poemarios, o primeiro “Nós quen” nace arredor da identidade, en progresión dun ser local que é, ao tempo, universal. O segundo, “Manual de movementos” é un traballo máis experimental xogando a uns límites máis amplos, co fin de provocar sensacións que se acheguen a espazos que non teñen por que ser reais mais que poden ser compartidos por outras persoas. “Trátase dunha mestura de sensacións, luces ou sons”, apunta […]. {Ler máis en Sermos Galiza}