• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Xerontocracia

Alfredo Ferreiro: «O sistema literario é neto dos intelectuais que na caverna franquista conservaron o vello galeguismo e lograron a transmisión do legado até a morte do ditador. As nais do sistema pertencen a outra xeración: son as que traballaron desde a transición democrática para a construción dunha progresiva normalidade cultural. Crearon asociacións de escritores, editoriais, impartiron galego na escola, ergueron unha televisión e unha radio e divulgaron a cultura colaborando co vasto tecido asociativo que florecía paralelamente á agonía de Franco. Son a xeración do teatro, do cinema, da plástica moderna, da canción e da ecoloxía, e lograron fundir compromiso intelectual e galeguismo.
Mais a crise económica chegou e está a ser utilizada pola crise do Estado contra o federalismo ou a independencia, lícita desde que democrática, dos pobos de España. Nesta situación, un dos maiores problemas é o desaproveitamento de recursos humanos: as institucións culturais reservan o poder para unha intelectualidade cunha media de idade excesiva, o que fai que ao menos dúas das súas xeracións máis novas fiquen excluídos na toma de decisións encanto está a acontecer unha revolución nos modos de difusión cultural. Debe aproveitarse con urxencia a mundialización para mostrármonos sen os referentes da españolidade, se non a cultura galega en breve non pasará de ser unha lembranza de vellos conversando ao solpor. Di isto quen xa non se conta entre os novos, aínda que outros sempre o vexan así.»

{Sermos Galiza, 12/12/2013}

Share