«Na barriga do vento», conto publicado na revista Dorna
A finais do ano pasado viu a luz o número 36 da revista Dorna. Expresión poética galega. Como é habitual nesta publicación da Universidade de Santiago de Compostela, o número permite tomarmos a temperatura á talento do momento, tanto do país como fóra del. Nesta ocasión tiven a oportunidade de publicar o relato que ofrezo a seguir.
I
Cándido Castro é un home que evoluciona favorabelmente. Tenta mellorar a súa vida cunha actitude positiva, é verdade, mais iso non é suficiente para triunfar. Para triunfar é preciso ser intelixente e posuír unha férrea vontade. A forza do león e a prudencia da serpente. E Cándido ten unha intelixencia… diríamos… inquietante.
Os tempos son arrevesados de máis para ter estabilidade laboral. E un acaba onde pode, onde non o desprezan demasiado ou onde ten un amigo duradeiro. Así é que, despois de vagar por moitos contornos laborais onde non acababa de sentir que callasen as súas mellores cualidades, acabou dedicándose ao mantemento industrial. E aquí o temos, no alto cume da súa última carreira, atrapado nas metálicas tripas dun xigante de ferro. Cándido está, si señores, remoendo as razóns da súa mala sorte, interpretando desesperado a cartografía da súa vida para atopar unha saída pronta da treboada. Tentando máis unha vez non ser dixerido por un duro destino.
Séntese isolado como nunca. E como non ha de ser así no alto dun monte bravo, no centro dun parque eólico, no interior dun aeroxerador cunha porta atascada. E só. Porque estas cousas pasan porque xente como esta anda a xogar coa sorte varias veces por semana. Uns caen do tellado, inexplicabelmente din, despois de camiñar a carón do abismo durante media vida. Outros estrelan o coche de día nun poste de teléfonos, e dan sinal de comunicando para sempre. Cándido, que aceptou vir sen apoio ao parque eólico por falta de persoal na súa empresa, conduciu corenta quilómetros de monte milenario para verse atrapado na máis moderna tecnoloxía. Unha porta que se atasca, porque hai tres anos que precisa dunha revisión de mantemento. Unha revisión que a el non correspondía, mais que era precisa.
En primeiro, usa a forza bruta: Demo de porta! Hai tantas areas no chan que non anda nin para diante nin para atrás. Mais despois de media hora adopta unha actitude levemente cerebral. Vexamos: isto é un tubo vertical cunha escaleira dentro. O móbil está no coche. O arnés para subir tamén. Aínda que subir non me servirá de nada… Aquí ninguén me roubará o coche, polo menos. Curioso razoamento ese, que non fará máis que baixar as pulsacións disparadas polo esforzo físico anterior. Como somos! Ao menos un pouco de humor sálvanos de afogar no primeiro desespero. Dicía Sócrates que as cousas realmente serias hai que tratalas con humor, unha sabedoría que inexplicabelmente sobrevén até na máis vulgar das persoas.
II
Teño sede. E a cea está no coche. Ostia! Cando repararán na miña ausencia? Dulce non contará comigo até altas horas da noite, como tantas veces! Isto pásame a min porque acepto todo. Acepto todo. Estou farto! Xa, estas palabras son coñecidas de máis. Cando por fin se decidiu a procurar un traballo normal, despois de abandonar un grupo de rock que non lograba estabilizarse economicamente, era un home novo. Libre por fin das fantasías adolescentes que o ligaban coa arte e a vida improvisada, conseguira un posto nunha fábrica de aceiro para a construción: Merda de ferro! Teño menos espazo vital aquí que tiña na fábrica. Nin os principios foran bos. Tivo que aprender a camiñar rente un ferro incandescente a grande velocidade, en permanente risco, acompañado polo ruído enxordecedor e os lubricantes industriais. Chegou coas mans limpas de máis, e unha grande vontade de prosperar traballando en equipo fixo que baixara a garda e se entregase ás relacións laborais con sinceridade e afecto. Grande erro. Se algún lugar hai en que as boas intencións son derramadas vilmente é entre os homes do ferro: Á miña idade xa tiña que ter sospeitado aquilo que pasou. Debín cinguirme ao meu, e calar. O día a día faise calando. Mais eu pensaba que a falar a xente se entende. Responsabilidades de máis, recursos de menos, esa fórmula persoal que non funciona, así chegan as depresións. Non podía ser doutro xeito. Non hai que ser tan brando, hai que asumir o tempero do ferro e interiorizalo. Estas cousas pasan, porque non todo o mundo vale. Mais se tivesen falado comigo e me explicaran que querían que fixese exactamente, tería obrado polo seu programa! Meu neno, eles non teñen programa. Mandan brutalmente, e ti eras demasiado creativo para o posto. A ninguén lle importa que teñas fillos pequenos, que vivas a moitos quilómetros, que teñas un contrato miserábel. Probabelmente dixeron que non lles valías o primeiro día, cando abriches a boca e mostraches o carácter melódico do teu pensamento. Nada facía un artista nun sitio como aquel, onde aos obreiros só lles corresponde obedecer e ter poucas expectativas. Catro anos pasei no ferro, un en cada dirección na procura da actitude necesaria. E nin así. Sinto que agora de novo recomezo. Estou cansado. Hai moita xente que arranxa un posto aceptábel e fica estabilizado. Merca casa, coche, fai a vida. Por que eu non son capaz? Rapaz, fai o que teñas que facer, mais non te lamentes tanto. Dás máis pena ti que a túa historia miserábel. Por que será que nos lamentamos tanto cando é patente que levamos anos e anos sen escoitar as nosas propias palabras?
III
Despois de tres horas as cousas non varían. Resulta unha forma dura de experimentar a invariabilidade do mundo ante as súas convulsas expectativas vitais. Quere que algo mude ao seu redor de inmediato, mais o tubo vertical que o aprisiona resiste todos os embates. Despois de usar todo canto ferragancho atopou, pois as instalacións de calquera tipo non se libran da falta de orde e a proliferación de residuos, a porta mantense firme. Mais firme que el, que incrédulo medita sobre a súa mala sorte. Ou tanto como el, na súa desventura. Aquí debo ter menos de catro metros cadrados. Son dous de diámetro… Ao menos teño luz. Só faltaría que non a tivese nun xerador eléctrico! Ai, o tempo non pasa… O tempo corre de máis, cando non queremos, e faise mesto outras veces, como cando temos que atravesar un longo campo de neve fonda. Suamos co esforzo, notamos o cansazo das pernas, e aínda tanto por percorrer…
Non pode ser, algo terei que facer! Subirei a escada a ver se atopo algo arriba. Comeza a subir con firmeza, e ao pouco vai aminorando o xesto en progresión, como con disimulo. Chegado aos vinte metros un pé ríspase do chanzo e na recuperación da posición o golpe produce un eco estrondoso, como a queixa dun titán con dor de moas. Daquela xa súa en frío, aperta as mans até a extenuación dos máis pequenos músculos e párase como unha hedra no muro que a sostén. Non hai dereito! Eu non quero isto! Eu… eu… teño que baixar. Amodo. Estou demasiado nervioso. Sen ollar para abaixo.
Así, engurrado como un papel vello, o seu espírito non o recoñece cando o ve, por acaso, cando no vento de fóra o procura sen cesar. Un home sen espírito e un espírito abandonado, dúas realidades incompletas, dúas ruínas do que non pode ser. De novo en baixo, esgotado, co corazón a punto de estoupar, dá un profundo suspiro e subitamente perde o sentido. Deitado nos residuos imperecedoiros da obra humana, a súa mente procura violentamente a paz.
IV
Acorda unha hora máis tarde, co fresco da noite que se aveciña. Lembra entón os seus tempos de comercial de sistemas de seguridade. A experiencia da “porta fría”, en contraste coa estresante calor previa ao encontro co cliente. Sudoración, inseguridade e a necesidade de imbuírse de éxito, dun triunfo preconcibido. Son o mellor, levo o mellor produto e esta venda está feita antes de comezar a falar.
Aquilo non era para min. Eu non sei interpretar fóra dun escenario. Non sabe interpretar, iso é evidente, porque non é capaz de aprender un papel. Todos interpretan un papel. No traballo, na familia, na casa, perante o espello. Que todo é un teatro é algo moi vello, e os que non fan o seu papel pérdense despapelados. Non! Eu son Eu! Quero saír!, berra contra o xordo ferro. Apaña o primeiro que ve no chan, unha enorme torca, e lánzaa con todas as forzas contra a porta. Un ruído seco e agudo, un golpe na beira da fronte, o sangue a correr como un regato aberto para novo regadío. A seguir unha dor punzante na tempa, e unha dor rabiosa aínda máis grande no peito, que ensombrece a primeira. Entón axeónllase, réndese ante o baleiro que as súas mans teñen modelado para el, triste tributo dun esforzo van.
Eu quero saír… só quero saír. Para que? Para que queres saír? Para voltar á casa envergoñado, derruído como sempre, malhumorado, insatisfeito. Para dar tres bicos e ofrecer un sorriso mal alimentado cunha debilitada emoción. Para ter que facer un terríbel esforzo e ser condescendente nas brincadeiras que reclaman os teus fillos. Para arrimarte á túa muller e, cando ela o percibe, mirarlle o cu descaradamente e logo dicirlle ao ouvido un cariño carnal xa caducado. Para que arrancarlle un sorriso cómplice a quen te ama sen reservas cando no fondo da túa adega non gardas un pouco de viño para a festa? Aí si que interpretas, farsante! Non mereces nin o que tes! Saes como un fantasma pola mañá e pretendes chegar coa alegría de traer algo nas mans. Traes o fume das túas ansias, que arden e te consumen día a día.
V
Canto tempo levarei aquí! Ah! Non podo facer nada… Cruza as mans na face e chora. Chora para encher o grande baleiro que sente no interior. Pensa no que faría se agora puidese ser libre. Chegar á casa e abrazar os seus: a nena, o neno, a muller. Lembra a ilusión de ter fillos, e aínda a de agardar o primeiro. El e a súa muller a facer unha versión propia de Summertime, para dispor dunha linda canción de berce que aloumiñe os sensíbeis ouvidos do pequeno:
Veu o vran
e a vida e tranquila.
Saltan os peixes,
medra o algodón.
Teu pai é rico,
e túa nai é bonita,
logo meu neno
non queiras chorar.
Unha mañá destas
ergueraste cantando,
abrirás as alas,
botarás a voar.
Mais até ese día
non teñas medo, neniño.
Teus pais contigo
sempre estarán.
Iso si que estaba ben. Eran bos tempos. A ilusión adubada coa creatividade perenne. Todo o día a cantar. Calquera momento era bo para apañar a guitarra e improvisar, facer versións de temas clásicos, anotar ideas. Unha vida que non podía durar, unha fantasía con data de caducidade. Era a creatividade sen poder, pensa mentres cun ferriño comeza a elaborar unha rudimentaria percusión que acompaña o valse das súas bágoas.
Se puidese volver a tocar! Tocar! Tal vez non sirvas para outra cousa. Ou tal vez eu sirva para tocar. Sabes que é moi difícil vivir da música. Se non o intento nunca saberei onde podo chegar. Non me digas que a estas alturas pretendes comezar unha aventura! Tes unhas responsabilidades na vida, sabes? Por iso mesmo, dixo mentres enxugaba as bágoas. Se os meus fillos poden ter un pai artista, pois… non merecen menos! Xa, agora pos os fillos diante para xustificar os teus caprichos. Iso non é preocuparse por eles, penso eu. Levo estes anos tentando ser o que non son. O mellor que lles podo ofrecer aos meus fillos é… que vexan que non son un covarde! Se o meu destino é un misterio, eu quero decidir que tipo de misterio será! Vaia, agora perdinme. Así que… realmente estás a te pór un pouco esotérico. Temo polo teu equilibrio mental. O meu equilibrio? Teño todo o equilibrio que podo ter. Estou no fondo de min mesmo. Sentado cun ferragancho na man. Que farei mañá? Facerme aprendiz de serralleiro? Teño a certeza de que xa non podo caer máis baixo. E digo que estou farto de procurar fóra o que teño aquí, á miña volta, na miña casa. Cando saia de aquí verás como me poño a traballar! E a ti máis che vale non porte diante, porque non te aturo máis. Non te castigues dese xeito. É preciso observar os problemas de varias perspectivas. Todas as opinións son válidas… Todas non. Só a verdade é boa. Aínda que sexa preciso agardar moito para tela diante.
VI
Desde logo, a verdade, aínda que se coñeza, logo hai que tecela. Mais os camiños certos comezan nalgún momento, cando a vontade adecuada e as circunstancias propicias deciden danzar xuntas. Aquel día caín na conta de que a miña vida era un encaixe en que eu tiña o deber de decidir o deseño. A calidade do fío viña dada, o número de palillos era o que me tocou en sorte, mais a arte na configuración da peza dependía dos movementos das miñas mans. Choroso aínda, ensanguentado e canso decidín que non tiña nada máis que facer que agardar.
Pouco tardaron entón en bater na porta. Preocupada por min, Dulce tiña chamado ao meu compañeiro para informarse sobre a xornada daquel día e logo sospeitou que podía ter acontecido algo. Ela foi a primeira en entrar, e o seu abrazo significou a constatación de que no perdera o sentido esencial da vida. O meu mundano e valioso tesouro. Estaba inquieta en casa e chamei a Sánchez. Deseguida nos decatamos de que che podía ter pasado algo. Non sabes como me alegro de verte. Teño a impresión de ter viaxado no tempo, e de ter visto lugares fantásticos. Como vos quero, nena!
Sánchez entrou a continuación: Non che dixen que me chamases se tiñas calquera problema? Déixao, compañeiro, que as cousas cando se arrevesan non hai remedio. Tal vez certas certas portas teñan que fecharse para que podan abrirse outras. Se cadra si.
Antes de subir ao coche Dulce e máis eu detivémonos devorando un pequeno e suxestivo silencio. Lembro que ambos ollamos as estrelas que a xeada parecía converter en cálidos diamantes. O ar semellaba un novo e suculento prato que voltaba á miña mesa despois de moitos anos. Antes de chegar a casa, Dulce falou: Creo que debemos reconsiderar algunhas decisións tomadas. Propoño que abandones ese traballo e tomes uns días de descanso. Escribe unhas cancións, leva os nenos á escola, e cousas así. Os muíños con certeza han virar sen ti. Paréceme ben, nena. Tiña a impresión de que as palabras dela acababan de por en funcionamento un motor oculto que nunca antes quixera pórse a funcionar.
―Vállame Deus! ―Dixo Sancho―. No lle dixen eu a vosa mercé que reparase ben no que facía, que non eran senón muíños de vento, e non o podía ignorar senón quen outros tales levase na cabeza?
―Cala, amigo Sancho ―respondeu don Quixote― ; que as cousas de guerra, máis que outras, están suxeitas a continua mudanza; canto máis, que eu penso, e é así verdade, que aquel sabio Frestón que me roubou o apousento e os libros ten mudado estes xigantes en muíños, por tirarme a gloria de seu vencemento: tal é a inimizade que me ten; mais ao cabo, han de poder pouco as súas malas artes contra a bondade da miña espada.
―Deus o faga como pode ―respondeu Sancho Panza.Don Quixote, Miguel de Cervantes