‘A distancia do tambor’, de Eva Veiga, presentado nas Portas Ártabras
Coas butacas ocupadas e aínda xente de pé, nas Portas Ártabras tivo lugar a presentación do libro de Eva Veiga A distancia do tambor, XIII Premio Fiz Vergara Vilariño máis unha vez editado por Edicións Espiral Maior. O editor Miguel Anxo Fernán Vello iniciou a presentación da obra cunhas acertadas notas sobre a substancia da obra e a profesora Teresa Seara puxo o ramo cun discurso caracterizado por unha florida comparación con abondosas plumas universais. O acto foi amenizado cunha actuación do Grupo Ouriol en que a mestría dos músicos e o talento para o recitado de Eva ficaron máis unha vez patentes.
A poesía, o recitado e as intervencións sobre a obra foron simplemente estraordinarios. Mais o viño do Berzo e as cereixas do Antigo Reino non foron menos! Ás veces penso, ao invés doutros ditos máis sanguinarios, que a letra pola gorxa entra.
28
ALGUÉN viu o terror nesas follas verdes
como un brillo ciliado no estómago de pedra?
Pedra licuada coa voz máis azul do veleno.
Anémona viva.
Os teus dedos aflixido cristal contan os buracos,
a madrugada é un tanque destrozando a luz,
escóndeme de min cabeleira de sombra,
dalle ás crianzas o gran río
como unha coroa de valses.
Quen é reloxeiro neste deserto da lingua,
quen escribe noite co imán do desamor,
quen esmaga o carambelo dun breve laio?
O baleiro asedia
océanos dunha carencia antiga
que volve remando.
O sangue é un tacto branco que foxe da loucura.
Durmir como a madeira de volta á praia.