Visita á Terra de Melide
Era mediodía e todos tiñamos combinado na Praza do Convento. Aínda que o día era fresco un ceo sen nubes presaxiaba unha mañá idónea para desfrutar da visita. Estacionamos os coches a carón do punto de encontro, no centro urbano e mesmo á beira do Museo, o que semellaba xa unha agradábel benvida por parte da vila. Xuntos todos e comandados por Xulio Álvarez, quen tiña organizado a excursión este día, dirixímonos ao Museo da Terra de Melide.
O Museo, segundo nos conta o seu director Xosé Manuel Broz, foi un antigo hospital de peregrinos fundado no século XIV e mellorado máis tarde pola casa de Ulloa. Unha vez traspasada a súa porta, cuxa entrada con forma de arco puido ter pertencido ao derruído castelo de Melide, o seu interior deseguida se revela fascinante. O contido do Museo ofrece diversos capiteis medievais, sartegos, fotografías, pinturas e outras pezas de grande valor que demostran un inxente esforzo de recollida, coidado e catalogación de obras. Seguen outros materiais de reducido tamaño que chamaron especialmente a nosa atención: a grande colección de pezas da época castrexa. Multitude de pedras aburatadas e penduradas dunha cordiña das que aínda se descoñece a súa verdadeira utilidade, así como misteriosas “rodelas”, pezas arredondadas, furadas e con deseños labrados que ninguén sabe para que servían nunha época en que había probabelmente moitos máis avances técnicos e vitais do que moitos sospeitan. Unha longa lista de muíños, armas e moedas completan a ampla mostra pre e pos-romana que nos indican amplamente onde pode chegar unha preocupación sincera por coidar o patrimonio e dignificar o noso pasado, algo imprescindíbel á hora de xuntar forzas para enfrontar o presente e construírmos un futuro que mereza a pena.
Mais a cousa non queda aquí, nas pezas dese ancestral pasado que son expostas con delicadeza e profesionalidade en transparentes vitrinas, porque o Museo da Terra contén tamén un tesouro etnográfico que chega de épocas remotas ao pasado recente. Neste sentido, a profusa colección de ferramentas e enseres relacionados cos oficios tradicionais son para tirar o sombreiro: a forxa e as ferramentas do ferreiro, do zoqueiro, do dentista, da panadeira, da telleira, o lagar da sidra, os candís de carburo, os utensilios de repostería, os traxes, as ferramentas da costureira, os teares, e moitos máis que dignifican un pasado por veces recente e con demasiada frecuencia deostado. E non debemos desprezar todo isto, pois constitúe un legado que nos describe ao longo da historia e que demostra de que modo hábil e intelixente a través da nosa cultura fomos dando solución ás múltiplas necesidades da vida. É isto o que tamén nos ensina o Museo da Terra, en última instancia: que esas pequenas cousas que permanecían esquecidas no faiado ou debaixo do hórreo, cheas de arañeiras e ferruxe, podían mostrarse con dignidade nun ámbito adecuado, para aplauso de alleos e orgullo de propios.
Porén, a máis profunda lección que habiamos de aprender en Melide non tiña a ver coa cuantificación dos valiosos materiais expostos. Se ben con orgullo de melidense o noso amigo Xulio Álvarez nos tiña louvado o mérito do director Xosé Manuel Broz, home que se ocupa en corpo e alma ao Museo, tivo que ser precisamente por este último que chegamos a saber que o noso propio amigo Xulio era un dos tres protagonistas da fundación da institución; sen ir máis lonxe, foi o arquitecto que logrou aproveitar ao máximo o espazo dispoñíbel, e que mesmo deixou aberto un lucernario para que desde o piso superior se observase o campanario da igrexa parroquial de Santis Spiritus. A partir da iniciativa de tres persoas, por tanto, e a pesar das palabras de desánimo dos responsábeis políticos locais á hora de encetar o proxecto, o pobo de Melide apoiou cos seus donativos e horas de traballo a construción desta casa da memoria popular. Hoxe en día son moitos os cidadáns que con frecuencia entregan pedras, ferros e tellas atopados nas leiras agardando que sexan novos vestixios do pasado que os técnicos do Museo podan poñer en valor e á vista de todos. A comunidade cultívase deste modo exemplar, sen dúbida, na atención esmerada ao que é común.
Na saída do Museo coñecemos a Cristina Vázquez, arqueóloga comprometida que acompañada polo director nos despediu cun feixe de folletos sobre patrimonio local e un memorábeis “ricos” que nos permitiron repoñer forzas despois da primeira visita.
A continuación visitamos a igrexa parroquial do Sancti Spiritu, antigo convento franciscano. A igrexa asómbranos pola altura do teito e sorpréndennos, se cadra por sermos profanos demais, as cores dos retábulos da Dolorosa e do Nazareno. Os tons cobalto e fucsia que observamos na decoración dos dous conxuntos semellan para nós, nun momento de arrebato cromático, posíbeis restauracións caprichosas encomendadas a un predecesor de Andy Warhol. Algo moi contrastado coa sobriedade dos sepulcros de pedra da época tardo-medieval, ao menos no aspecto en que hoxe se conservan.
Para o xantar foi elixido un espazo fluvial: a praia artificial do río Furelos. Alí estendemos en mesas baixo altas sombras as viandas que trouxemos da casa, e con fraternidade partillamos despois un tempo de descanso en que paseamos, xogamos e discutimos os novos proxectos, incentivo que non pode faltar nas nosas vidas. Repostas as forzas da viaxe e as visitas precedentes, encetamos o camiño para o castelo de Pambre. A nosa caravana de coches serpentea por estreitas e fermosas estradas até que chegamos ao pé do maxestoso castelo. Á entrada recíbenos unha señora que, a modo de “paxe” institucional, nos pregunta en castelán o número de membros da nosa excursión, se cadra para algún día cuantificaren o interese suscitado polo patrimonio. Os espazos interiores están ornamentados por reincidentes “prohibido pasar”, así que escollemos entrar na ermida do castelo, que foi utilizada para corte das vacas e na que reparamos en elementos de pedra estrañamente colocados así como en rosetas practicamente borradas e en zonas pouco visíbeis. Estes feitos, así como a presenza do grande hórreo da eira do conxunto, fannos sospeitar que o conxunto está torpemente atendido, a pesar da súa relevancia. Pasados trinta minutos e sen ter podido entrar en ningunha dependencia, o “paxe” do castelo informa de que ten que botar a chave á porta principal porque o tempo de visitas finaliza ás 18:00 hs.
O seguinte destino foi a Pena da Moura, un grupo pétreo de grandes dimensións situado nun monte da Serra do Bocelo que tranquilamente permitía a observación do territorio nun radio aproximado de cen quilómetros. A Pena principal é dunha altura impresionante, e conta con outras máis pequenas que ofrecen abrigo da intemperie (“cova”). Segundo nos conta Xulio, sempre foi considerada un lugar sagrado que alberga ritos relixiosos e fundamenta unha lenda ancestral: “Unha moura traía un pan, e para descansar un pouco pousouno no chan. Cando pretendía recuperar o cesto este medrou tanto que se converteu nunha enorme pedra, e xa non o puido apañar. Ante a frustración de non poder levar os alimentos aos seus que no monte estaban a traballar, decidiu inmolarse. Cóntase que o seu corpo foi soterrado na Cova da Moura”.
Para broche final da excursión, a uns centos de metros a pé visitamos o Forno dos Mouros, un dolmen en bastante bon estado. Contén pinturas interiores que ficaron soterradas como pedida de protección, o que impide infelizmente que podamos desfrutalas. Os rapaces entran e saen do dolmen como se se tratase dun espazo construído para trasnos, mentres outros tentamos imaxinar a complexidade e a utilidade dunha construción de millares e millares de anos.
Nesta altura da tarde, no alto da Serra do Bocelo vai un vento tan fresco que nos animamos a dar por finalizada a excursión, sobre todo para atender o cansazo que en breve derrotará os miúdos. Despedímonos coa fermosa sensación de termos realizado unha visita gardaremos para sempre como un tesouro na memoria. Antes de subir aos coches que nos han levar de volta á Coruña, Arteixo e Carballo agradecemos nun último suspiro a rica cultura que posuímos e a vontade daqueles que se esforzan por conservala e poñela en valor. Con certeza experiencias como esta fannos acreditar nun futuro proveitoso para todos.
{Publicado por Alfredo Ferreiro no Boletín do Centro de Estudios Melidenses – Museo da Terra de Melide, nº 26, pxs. 140-143, 2013}