• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

A nosa cinza e as brasas que non deixan de arder

ANCinzaBD_Julho2015_AFerreiro_v7
Xavier Alcalá, Alfredo Ferreiro e Manel Cráneo (Foto: Tati Mancebo)

Por acaso eu non fun deses alumnos que leron o long seller de Xavier Alcalá no instituto. Mais fíxenme adulto inevitablemente influído polos escritores que, como el, habían de protagonizar a creación do incipiente sistema literario galego (os que abominan do concepto chámeno “mercado”, e non desfrutarán máis). É a época en que tantas ilusións se xeraron, cando neste país —entre outros feitos que xa soan a efeméride para unha parte importante da poboación— se aproba o Estatuto, a língua galega chega á secundaria, nace a Asociación de Escritores e se crea a Radio Televisión de Galicia, da que o noso autor, enxeñeiro de telecomunicacións, foi o director técnico coa responsabilidade de subila nas antenas e espallala polo país.

Anosacinza_250Porque os homes e as mulleres que hoxe fan e desfán son ou foron hai moi pouco similares a aqueles personaxes que n’ A nosa cinza nacen, medran, estudan, namoran e loitan por sobrevivir. Se ben ofrece a fotografía ou, tamén, a cartografía da sociedade galega dos 50 no ámbito urbano e periurbano, poderíamos dicir que a columna vertebral do argumento non deixa de ser unha reflexión profunda sobre aqueles aspectos mais universais da vida: a morte dos seres queridos, o desenvolvemento da personalidade, as necesidades de relación (amor e amizade) e nutrición, a saúde, o autoritarismo e a incerteza do destino.

Polos motivos arriba referenciados, para alén dunha indiscutíbel calidade literaria (a lingua literaria de Alcalá continúa a ser do mellor que pariu este país), considero unha honra  colaborar neste proxecto até onde o meu talento o permita. Traballar cun material narrativo de tal calibre para acomodalo no xustillo dun guión literario foi un reto que estaba disposto a asumir, ademais dun pracer inusual. Porén, son moitos os acontecementos narrados na novela, e tan poucos aqueles que poden transcender a un formato literariamente moito máis reducido que a sensación ante tanta merma foi de partida frustrante; era como reducir caprichosamente un mundo que funcionaba fluidamente con toda a súa complexidade material e emocional. Mais a novela, que é un bloque harmónico ideolóxica e referencialmente, estanos a permitir que a partir da abstracción das súas liñas mestras se faga unha escolla significativa de contidos que, dando lugar a un texto novo por tan sintético, se manteña fiel ao mundo creado por Xavier Alcalá. Debe nacer unha obra nova, mais a xenética que a vincula coa obra matriz debe ser a todas luces evidente.

A pesar de a síntese que me coubo en responsabilidade ser imprescindíbel, como garantía da substancia literaria de que partimos, o traballo que está a realizar o recoñecido ilustrador Manel Cráneo dará lugar ao corpo e á personalidade do novo ser artístico. Cráneo traballa a partir dun guión literario que non deixa de mudar, encolléndoo e estricándoo conforme as necesidades dun guión técnico que só aportando as necesidades da plástica pode xurdir. Deste modo o ilustrador ha de parir a morfoloxía esencial do novo relato, escollendo as localizacións (baseadas na realidade literaturizada polo escritor), o punto de vista do espectador e os acontecementos definitivos a narrar, e todo isto dará lugar a unha peza autenticamente nova para a que o guión literario só foi un elo necesario co texto orixinal. Ou talvez un casulo, un albergue para que o verme mude e unha nova bolboreta mostre ao final todo o seu esplendor.

A nosa cinza en banda deseñada será publicada nos próximos meses por Editorial Galaxia, e previsibelmente tamén divulgada polo mundo fóra a través de Mar Maior. Augúrolle unha nova e triunfante reencarnación á que foi unha das obras máis vendidas da modernidade. Con certeza o noso esforzo e a nosa ilusión non han faltar.

Share

Leave a Reply