
A nosa cinza ou ainda a nossa brasa?

Continuamos a ver a progressão de Manel Cráneo e não deixamos de sentir-nos maravilhados conforme o mundo plástico inspirado pola obra de Xavier Alcalá vai nascendo. O trabalho do artista, de cujo talento já todos temos muitas referências, vai encarnando um guião que com dificuldade sintetizamos a partir de uma miríade de cenas que ressaltam pola sensibilidade humana e a olhada crítica de uma sociedade marcante no seu fundamentalismo ideológico. Uma sociedade da que, sem dúvida, esta que nós vivemos é filha ou ao menos neta. Um mundo que devemos compreender para melhorar.
«[…] Malia o seu éxito dende a súa publicación en 1980, a aparición d’A nosa cinza non foi sinxela. Demorouse no tempo por mor da censura. “A primeira versión estaba rematada en outubro de 1974. Nese momento leveilla a Galaxia. E Piñeiro díxome: “isto a censura non o deixa pasar nunca”. Deixeina estar un tempo, retomeina en 1976 e tiña que publicarse dous anos despois. Pero o proceso de edición, naquela época, tiña outros tempos. Así tardou até 1980”, lembra o propio Alcalá quen, 35 anos despois, ve como a súa obra dará o salto á novela gráfica da man de Manel Cráneo. Participa no proceso creativo, mais dende un segundo plano. “A novela é miña, pero aquí o artista será Manel Cráneo. Eu falo con el, trato algún temas, contrastamos opinións e eu limítome a corrixir algún anacronismo que poida haber no debuxo, pero o produto final, a obra será súa”, explica Alcalá, para quen Cráneo é a opción idónea para levar a cabo o proxecto. “Como ilustrador traballa dous estilos moi diferentes. O primeiro, ten un trazo caricaturesco. O segundo, móvese nun realismo moi claro. E esa vertente realista súa é a que me parece perfecta para A nosa cinza”, conclúe.
Aínda que Alcalá recoñece que a obra será de Cráneo, non deixa de ser verdade que, ao longo do proceso, non falta o traballo en equipo. E a colaboración non se limita unicamente ao tándem Alcalá-Cráneo, xa que Alfredo Ferreiro encargouse de realizar o guión literario a partir do cal o ilustrador desenvolve o traballo. “Temos correspondencia constante, falamos constantemente e comezamos, fai un tempo, realizando os tres un roteiro polos escenarios nos que transcorre a acción. Aquela experiencia inicial foi moi importante para o meu traballo”, matiza Cráneo […]». {Praza Pública}