• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa
Alfredo Ferreiro
<em>Entrar na casa</em>: Ignacio Castro e Eduardo Estévez

Entrar na casa: Ignacio Castro e Eduardo Estévez

Ignacio Castro (fotografia) e Eduardo Estévez (poesia) publicárom em Estaleiro Editora o livro Entrar na casa, que foi apresentado no café Linda Rama da Corunha em 2 de dezembro. Para além da perfeita conjunção de poemas e fotos, de delicada sensibilidade minimalista, foi um luxo inusitado poder ouvir o concerto renascentista de Andrés Díaz (viola de mão) e Belén Bermejo (voz). Aqui deixamos testemunho do sublime ambiente que estes quatro artistas forom capazes de criar:

Não perdam, aliás, a entrevista de Montse Dopico: «[…] entrar na casa é froito dun encontro co fotógrafo Ignacio Castro. Como foi?

Livro e fotografia e poesia Entrar na casa, de Ignacio Castro e Eduardo Estévez
Entrar na casa: Ignacio Castro & Eduardo Estévez

Eduardo Estévez: Ignacio Castro leu o meu libro construcións e viu que había unha relación entre a súa e a miña forma de mirar. Levo tempo dándolle voltas ao tema de mirar dunha maneira diferente. Interésame moito a literatura militante, que a verdade é que envexo, pero a min non me sae. Pois a maneira que atopei de facer algo semellante foi esa: tentar mirar as cousas desde outra perspectiva. Non para levar a mirada dos demais á miña, senón co obxectivo de que o lector se decate de que hai outras formas de mirar. En construcións facía iso mirando aos pequenos detalles. Porque mirar o detalle pode ser outro xeito de ver o total, o xeral.

Pois Ignacio Castro envioume unha ligazón para que puidese ver as súas fotos. Intercambiamos varios correos e unha vez e díxenlle que un día podiamos facer algo xuntos. Nunha semana respondeu: facemos? E así foi. Establecemos un diálogo do que o libro é resultado. Non é un libro de poemas con fotos nin un libro de fotos glosadas con textos. Eu escribín textos a partir de fotos, el fixo fotos a partir de textos… e os dous intervimos no que facía o outro. El orientaba os meus textos e eu as súas fotos.

MD: Comentas no teu blog que o libro foi rexeitado nas editoras grandes.

EE: Non é un libro para mandar a premios. As editoras grandes teñen estruturas ríxidas. É difícil que se saian da súa maneira habitual de facer as cousas. Non é só unha cuestión económica. É moi complicado que saian das coleccións que teñen prefiguradas. As editoras máis grandes non poden deixar de publicar poesía, non poden permitirse iso, pero tampouco lle ven posibilidades de negocio.

Mirei tamén nas editoras pequenas, e polo menos responderon. Case a totalidade dixo que o libro lle gustaba pero que non podía publicalo ou non podía facelo sen axuda. Ata que apareceu Estaleiro, que asumiu o risco, eu creo que sen pensar moito na dificultade que ía supoñer publicalo. E eu recoñézolles moito o esforzo que fixeron nese sentido. Quedou un libro moi digno. […]»

{Praza Pública}

Share

Leave a Reply