• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Finalistas do “Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo”

logo Certame Manuel Murguia de Arteijo«Reunido o xurado o pasado 30 de abril, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 13 de maio, venres, ás 19:30 no Centro Cívico do Concello de Arteixo.

Reunido o xurado, composto por Teresa Moure Pereiro (escritora), Marcos Sánchez Calveiro (escritor), Antonio Piñeiro Fernández (gañador da 24ª edición) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (por orde alfabética de autor):

O mérito da chuva, de Carlos Quiroga
Hai patios de luces tristes, de Diego Giráldez
A aranha de Sidney, de José António Lozano

Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.

O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: o volume A garza insomne, consistente nunha edición dos nove relatos finalistas das últimas tres edicións do Certame, a actuación musical do grupo 4 jazz, a plantación dunha árbore conmemorativa do 25º aniversario e un viño de honra como fin de festa.

O evento incluirá ademais unha lembranza musical e literaria da figura de Manuel María, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Para tal fin contarase durante toda a semana no recibidor do CCC cunhas láminas sobre a súa vida que remitiu a Xunta de Galicia e que foron completadas con outras elaboradas no Concello nas que se mostra a súa relación con Arteixo dende o ano 1996. O día 13 tamén estarán a disposición do público asistente algúns dos libros do autor da Terra Cha.

Contacto: Alfredo Ferreiro (609 653 176)
Coordinador do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo».

Leave a Reply