• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa
Alfredo Ferreiro
“A ollada do señor Manuel” (Grial 209)

“A ollada do señor Manuel” (Grial 209)

Manuel Molares por Nifunifa 1
Manuel Molares por Nifunifa (2016)

«Os cen anos de Manuel Molares pesan no meu cerebro como un concepto imposible de asumir. Por fóra co seu abrigo incólume, a súa gravata no punto e o seu aquelado chapeu; por dentro unha guerra enteira que non cesa, con marchas baixo o fogo inimigo, a primeira liña ás ordes do inimigo, a posguerra acosado polo inimigo, sometido ás ultraxes do inimigo, tolerando os privilexios do inimigo, calando ante as mentiras do inimigo, sufrindo as leis e as ilegalidades do inimigo… E face a isto, un corazón heroico que nunca deixou de encomendarse a Deus e nin de traballar polos homes.

manuel molares por nifunifa 2
Xavier Alcalá, Manuel Molares e Alfredo Ferreiro por Nifunifa (2016)

Cando hai uns días nos recibiu en Pontedeume, con cen anos de paciencia e moitos máis de crédito humano, o peso do que viviu, a densidade da súa experiencia era algo que fuxía de min, inconcibible. Foi necesario desviar os ollos da masa específica da súa personalidade e reparar en aspectos tanxenciais á súa presenza: o cariño que lle profesan os fillos, todos os coidados e atencións que pairan á súa volta, o amor, en definitiva que o circundaba como un halo de sacra humanidade; entón lembrei algunha cousa como “dá e recibirás”, e concluín que non pode haber mais sabedoría para a vida nin mellor fórmula para xestionar a enerxía que no noso tempo nos toca conducir.

Unha falsa luz de Xavier AlcalaBaixamos á rúa desde a atalaia que no centro da vila o traballo de toda unha vida fixo florecer. Sentamos na praza principal e desfrutamos dunha bebida quente nun ambiente de solemne fraternidade. Nunha dada altura, o Xavier Alcalá tirou da mochila os tres volumes da Triloxía Evanxélica que este home honorable protagonizou co seu testemuño. Chegado ao terceiro libro, de título Unha falsa luz, o vellote apuntou co dedo a portada e resmungou: “Non está claro. Non se meteu a fondo”, o que deixou dubitativo o autor daquelas mil trescentas páxinas da nosa mellor literatura histórica. Eu sei que o Alcalá tivo que escribir aquela vida ficcionando con moito coidado: existía o acordo de non contar todo o que nas conversas sobre o pasado xurdira. Coñecer a verdade está ben, mais os pantanos pezoñentos do noso pasado recente poderían turbar a vida das próximas xeracións. Son grandes os traumas que a ditadura nos produciu, e a xente non desexa que as feridas mal curadas comecen de novo a sangrar.

GRIAL Revista Galega de Cultura 209Porén, se cadra o dedo de Manuel non sinalaba aspectos tan mundanos como a técnica literaria ou a verdade histórica que unha obra pode conter. Por iso eu quixen ver un home de fondo compromiso relixioso negándose a aceptar a “falsa luz” do mundo, así como un seu desexo de que o autor “se tivese metido a fondo” na mensaxe espiritual. Porque, para que publicar a historia dunha vida de tan caprichosa fortuna se non é para mostrar que a pesar de todas as penurias sempre sairemos adiante mediante o brunido constante do corazón? Se cadra é imaxinar de máis para alguén tan ignorante, e constitúe unha terrible ousadía pretender nestas liñas penetrar na súa mente e interpretar unha vida dese teor. Mais que outra cousa podo contarvos senón a impresión que me causou a ollada do señor Manuel, os ollos daquel home de tanto e tan esforzado pasado, tan limpos e sosegados que ollaban para a fronte como escrutando un futuro que eu nunca alcanzarei?».

(Alfredo Ferreiro na Grial ~ Revista Galega de Cultura, nº 209)

Leave a Reply