• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa
Alfredo Ferreiro
Manifestação Atlântica no dia dedicado a Urbano Lugris

Manifestação Atlântica no dia dedicado a Urbano Lugris

Promovido pelo colectivo In Nave Civitas Lugris, o 7º dia Lugris decorreu nas ruas da Corunha com orgulho surrealista, afã vanguardista e amor pela tradição. Houve música, arte plástica, intervenção urbana, canção popular, cita erudita, atrevimento corunhento, orgulho marinho e inspiração atlântica. A cidade ficava absorta ao nosso passo, e muitas pessoas aplaudiam enquanto outras, a causa do espartilho de um decoro imposto e falsário, saiam espavoridas ou arreganhavam os dentes. Foi sem dúvida uma actividade catártica, e quero pensar que não só para @s participantes, mas para essas ruas pisadas cada dia por todo o espírito artístico, e aqui são mais dos que parece, mesmo mais dos el@s própri@s chegam a saber. Ao deitar-me aquela noite, uma máxima ficou para sempre instalada no meu íntimo: “Menos derrotismo e mais surrealismo!”.

A Manifestação Atlântica foi convocada do seguinte modo:

cartaz dia lugris 2016«17 DE NADAL DE 2016

O vindeiro sábado, 17 de nadal, o colectivo In nave civitas e a asociación cultural O Mural organizan o VII Día Lugrís, data dedicada a lembrar a vida e obra do artista coruñés Urbano Lugrís González.

Os actos comezarán as 18:00 horas na praza de Pontevedra ao pé da estatua de Eusebio da Guarda coa inauguración dun grafiti no que vaise reproducir unha serigrafía do pintor titulada Marineda Soñada. O mural estáse a realizar nun lugar habilitado  para a ocasión no Instituto de Ensinanza Secundaria Eusebio da Garda.

A continuación dedicaremos un tempo para o tradicional obradoiro de paraugas no que decoraremos os nosos “parachuvias” con motivos marítimos e da obra de Lugrís.

A iso das 19:00 horas comezará a Manifestación Atlántica polas rúas da Pescaría con paradas para lembrar a vida e obra do escritor e pintor coruñés. A manifestación rematará na Coiraza onde realizaremos, se Poseidón nolo  permite, un avistamento de baleas e homes mariños.

O colectivo In nave civitas convida a toda a cidadanía a participar neste acto atavíado coas súas mellores galas mariñeiras e que porten, se as teñen, as súas buguinas, para acompañar a ruta.

Este ano acompañarán a marcha un cortexo de 6 bucios ataviados co uniforme de gala da Unión de Conserveiros de Galicia.  Algúns dos escafandros (elaborados pola artista Viki Rivadulla) pódense admirar na Libraría Sisargas (r/ San Roque, 7) até o propio 17/12/2016.
Dentro dos actos do día Lugrís a fotógrafa Pilar Silva, membro do colectivo In nave civitas, presenta a súa exposición Cosendo as ondas do mar. A exposición poderá desfrutarse na Buserana bar, praza de José Sellier, dende o venres 16 de decembro até o remate de xaneiro.»

{Palavra Comum}

Share

Leave a Reply