• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa
Alfredo Ferreiro
Novo Clube de Leitura no Concello de Culleredo

Novo Clube de Leitura no Concello de Culleredo

Clube leitura literatura galega CulleredoO Concello de Culleredo decidiu apoiar a miña proposta de crear un Clube de Leitura sobre literatura galega que inclúa sempre a presenza da autora ou do autor. E non foi porque Culleredo non teña xa clubes de lectura doutra índole, senón porque o seu compromiso coa arte e a literatura do país no deixa de medrar.

No próximo luns 2 de abril, no ancestral inicio o ano e aínda co apoio da lúa chea tentaremos comezar unha actividade que tentará afinar as nosas sensibilidades, estimular o noso espírito crítico, favorecer a solidariedade e, en definitiva, aumentar as nosas conexións neurais promovendo o pensamento diverxente. Porque a análise da arte, lonxe de ser algo acientífico, implica unha actitude que engloba as áreas de coñecemento e aumenta a capacidade investigadora.

Finalizada cada lectura, faremos por ter a persoa que a escribiu para desfrutar dunha tertulia irrepetible sobre todas aquelas cuestións que a experiencia nos suscitou. Trátase de chegar a profundar o máximo posible utilizando, de partida, o menor aparato crítico posible. Porque para entender a boa literatura só é preciso asumir que foi escrita para nós, e que a simple experiencia da vida xa nos permite conectarnos á súa mensaxe e nos anima a dar a nosa opinión.

Como en todos os clubes de lectura que se precen, o importante é a participación colectiva nun debate en que a lectura é un pretexto para reflexionar sobre a vida e a arte. Poder contar, no final do proceso, coa autora ou o autor será un privilexio periódico e de incalculable valor que nos obrigará a un esforzo institucional e de coordinación importante. Algo creado para as máis amantes da lectura que co seu habitual espírito humanista terá, sen dúbida, un resultado feliz.

*

Cf. Artigo de Sara Vázquez en La Opinión: “Libros contados de primeira man”.

Share

Leave a Reply