
Carral
Um convite da AEC Lacrar de Carral, vila en que me criei, que gustei moito de atender ·
Cheguei a Carral
colado á roda do carro
do meu pai.
Miña nai facía o almorzo
co leite de Pura
en canto outra Pura
amasaba o pan.
Ese era o eixo
da pureza do Paraíso
cuxo centro era o piñeiral
de augas oleosas residuais.
Ao leste as casas dos Viñas
e ao oeste os Chas,
ao norte o Campo da Capela
e ao sur o alto de Ans.
Territorio amábel e ancestral,
carochas nos xeonllos
sen baixar da bicicleta.
E como lembro
aqueles bicos de verbena
amparados pola Santa
que os tristes socorría
con lúas para os amantes
e para os gulosos empanada!
Ai, Carral, entre fresas e flores
flamante unha cruz de pedra
lembra os Mártires da Liberdade.
Do Barcés á Brexa
e de Paleo a Coiro,
baixo a luz dos astros
medrei sen saber
que rente os meus pés
manaba a forza dun castro.
Ben certo é que ás veces
é preciso marchar
para aprender a amar
aquilo que levamos dentro.
Carral, luz da mañá,
íntimo neboeiro,
camiño de retorno ao centro.
A Coruña, Febreiro de 2019