Finalistas do 28º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
A cerimonia de entrega de premios celebrarase o próximo 9 de maio, xoves, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo, e contará coa actuación de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.

O xurado composto por Charo Pita Villares (gañadora da 27ª edición), Inmaculada Otero Varela (representante da Asociación Galega da Crítica), Xabier López López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o pasado 27 de abril, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (por orde alfabética de autor):
A casa das Castrouteiro, de Daniel Barral Calvo
Crónica de ningures, de Francisco Rozados Rivas
A idade do escarnio, de Tito Pérez Pérez
O Certame de Arteixo acrecenta en 2019 a dotación dos premios en máis 1.300 euros, ofrecendo 4.000 € para o primeiro, 1.500 € para o segundo e 600 € para o terceiro, ademais da publicación da obra nun volume colectivo.
No acto de entrega contarase coa actuación de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, que amenizarán a cerimonia coa súa arte de contares de historias. Rematado o acto, que incluirá unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado no próximo Día das Letras, ofrecerase un viño de honra.
A coordinación agradece tamén este ano a colaboración na formación do xurado (por regra, paritario) da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega así como da Asociación Galega da Crítica, o que axuda a asegurar un criterio literario cun rigor e unha calidade fóra de toda dúbida.
Contacto: Alfredo Ferreiro Salgueiro (609 653 176)
Coordinador literario do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
Apartado da web municipal sobre o Certame: