• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa
Alfredo Ferreiro
Arteixo entregou os premios do Manuel Murguía

Arteixo entregou os premios do Manuel Murguía

O pasado venres 20 de maio foi celebrada a entrega de premios do 31º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, coa actuación de Belém Tajes

31 Certame MMurguia de Arteixo_Belem Tajes
Belem Tajes, Nicolás Vieites e Cibrán Seixo

O evento de entrega de premios no Centro Cívico Cultural de Arteixo comezou ás 20:30 horas e contou coa actuación da artista Belém Tajes, quen amenizou o acto coa compaña do guitarrista Nicolás Vieites e do violinista Cibrán Seixo. Alfredo Ferreiro Salgueiro, director literario do certame, presentou a gala e deu paso aos diversos intervenientes: o deputado de cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, a representante do xurado, María López Sández e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo Martínez.

Na parte central do evento, entregados polo deputado Xurxo Couto, a Concelleira de Cultura Ana Bello Vázquez e o alcalde Carlos Calvelo Martínez, entregáronse os premios segundo o ditame do xurado lido por Alfredo Ferreiro, e que corresponderon a:

1º. José Ignacio Silva Regueira, polo relato O rubor da dignidade, premiado con 4000 euros e a edición da obra.

2º. Natalia Alonso Ramos, polo relato En directo, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”, premiado con 2000 euros e a edición da obra.

3º. Francisco Rozados Rivas, polo relato Somos Adán e nada somos, premiado con 1000 euros e a edición da obra.

31 Certame MMurguia de Arteixo_Vencedores
Vencedores do 31º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

O xurado (do que fixeron parte Antía Yáñez Rodríguez, nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; María López Sández, en representación da Asociación Galega da Crítica; María Aránzazu portabales Santomé, como gañadora da 30ª edición e Alfredo Ferreiro Salgueiro, director literario do Certame, con voz e sen voto), segundo o transmitido por López Sández valorou do seguinte modo as obras premiadas:

31 Certame MMurguia de Arteixo_xurado Maria Lopez Sandez
María López Sández, xurado

“Tras a valoración de todas as propostas, o xurado decidiu, por unanimidade, outorgar o Terceiro Premio a “Somos Adán e nada somos”, que aberta a plica resultou da autoría de Francisco Rozados Rivas. O xurado salientou a profunda orixinalidade do texto, derivada dunha ousada hibridación entre o conto e o ensaio, no que a reflexión e a metaliteratura flúen, transidas de innumerables referencias, nun texto de clara xinea posmoderna. O segundo premio outorgouse a “En directo”, que tras a apertura da plica resultou da autoría de Natalia Alonso Ramos. Desta narración o xurado salientou a incorporación ao relato das formas do novo xornalismo e das redes sociais, xerando un texto polifónico no que a reconstrución da trama, cun habelencioso mecanismo de suspense, pon o foco sobre como se constrúe a opinión pública e as diferenzas que existen entre os acontecementos reais e a visión mediática que deles se transmite. Cun fino sentido do humor, achégase ademais ás dificultades de conciliación cunha clara perspectiva de xénero. Finalmente, decidiu outorgar o primeiro premio a “O rubor da dignidade”, que aberta a plica resultou ser de José Ignacio Silva Regueira. Do texto gañador, o xurado puxo de relevo o sutil tratamento dos temas da violencia de xénero e o bullying nunha narración profundamente introspectiva, cunha caracterización psicolóxica profunda dos personaxes difícil de acadar nun xénero tan condensado e cunha visión lúcida e non complacente dos temas que trata.”

Peza escultórica de Ana Novo

Ademais dos premios, as persoas galardoadas recibiron unha peza escultórica exclusiva de Ana Novo realizada en cerámica e decorada con engobes e esmaltes.

Pola súa parte, a organización quixo facer unha mención especial aos gañadores do ano 2020, Patricia Torrado, Esteban Brea e Álex Mene, xa que foi o primeiro ano que non se celebrou a gala de entrega de premios, a causa da crise sanitaria. Dado que dous deles estaban presentes no evento, solicitouse do amábel público o aplauso que merecían.

Capa simples A garza en chamas 2022
Volume de relatos premiados 2019-2021

Finalmente, antes do peche oficial do alcalde de Arteixo, quen celebrou mais un ano a continuidade dun premio tan senlleiro e necesario para Arteixo e o resto do país, o director literario presentou un novo volume de relatos do certame, A garza en chamas, e agradeceu a colaboración de autoras e especialistas, sen deixar de aplaudir a suxestiva ilustración da capa de Alberto Esperante.

Celebrouse, pois, mais unha publicación que tantas plumas e tantas vontades concita, co obxectivo de participar á sociedade a boa nova da creatividade literaria do país. Un mérito que cabe, como sempre, ao Concello de Arteixo e en particular á Concellería de Cultura comandada por Ana Bello, ao equipo do Servizo Municipal de Cultura, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Asociación Galega da Crítica pola súa habitual colaboración na formación dun xurado de contrastada competencia, e nesta feliz ocasión tamén á editorial Alvarellos por querer partillar travesía libresca.

Share

Leave a Reply