• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa
Alfredo Ferreiro
35 anos de teatro Chévere!

35 anos de teatro Chévere!

Dar cabo ao ano con teatro e comezar o ano con el ten para min un aquel de refundación, como agora vos contarei.

O evento

Manuel Lourenzo, Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Xosé Ballesteros na libraría Berbiriana da Coruña

A vinte e sete de decembro acudín á libraría Berbiriana da Coruña para asistir a unha presentación singular: o extraordinario libro que sobre o grupo Chévere a editorial Kalandraka vén de publicar. Trátase dunha edición de grande formato e a toda cor en que os membros do grupo relatan toda sorte de vicisitudes ao longo de trinta e cinco anos, desde os primordios até a recepción do Premio Nacional de Teatro, entre outras moitas.

Eu lembro o meu fascinio a principios de 90 cando da representación da obra Río Bravo no Teatro de Rosalía da Coruña. Xa daquela intuín que aquel era probabelmente o grupo de teatro máis relevante do momento. Na altura, comprei o disco de vinilo coa banda sonora da obra e nunca deixei de extasiarme coas cancións que Fran Pérez “Narf” compuxo para o grupo, así como co resto da súa singular discografía. (Xurxo Souto, tamén presente no acto, fixo unha emotiva mención do falecido músico, que o público celebrou).

Os protagonistas

Na mesa, para alén dos protagonistas Patricia de Lorenzo e Xesús Ron (actores) e Xosé Ballesteros (editor), estaba o “tío” Manolo, que así era como eu de meniño chamaba ao Manuel Lourenzo, o que ben pode ser o maior vulto do teatro galego contemporáneo. Acompañábame na excursión Olegario Barrera, un realizador, produtor e guionista venezuelano de primeira orde que aplaudiu o percurso do grupo e se marabillou do seu nome: Chévere!

As raíces

Anti-spleen de Gamil

E aquí comprenderán por que este texto ten muito de intuída refundación: os meus primeiros pasos foron enfeitados co ambiente teatral que o meu pai compartillaba con persoas da altura de Manuel Lourenzo, Francisco Pillado, Xan Cejudo e Miguel Castelo. Estas foron as mamas artísticas que primeiro me alimentaron, e así foi que sempre tiven vontade de subir aos cenarios: na infancia en Carral, na adolescencia en Culleredo e na xuventude na Coruña.

É certo que nos últimos trinta e cinco anos a miña preferencia foron os recitais de poesía, mais hai cousas que non se esquecen e que un día tal vez precisan renacer.

Parabéns!

Aliás, é preciso, para alén das pessoas alí presentes, dar os parabéns á editorial Kalandraka polo programa de edición de grande folgo que cada ano enfronta. Porque unha editorial que publica poesía á marxe da edición concertada de premios e que ao tempo inviste nunha colección de teatro é unha empresa valente que sempre haberá que louvar. Sen dúbida, tanto pulmón editorial só pode vir dun inmenso corazón entregado á literatura é á cultura dun país que só pode engrandecerse con fazañas deste teor.

Neste instante, encanto escoito a música do silledense Narf estou a escribir na cociña da casa de Silleda que herdei do meu pai; aquecido pola leña da chousa de Gamil e extasiado pola tarta de Lestedo sinto as miñas raíces asentaren na terra que lles convén. Os paxariños, desde os bidos dun río Toxa grávido das últimas grandes chuvias de 2022, semellan querer anunciar que algo moi bon está a piques de xermolar.

Share

Leave a Reply