Visita á Terra de Melide

boletinestudosmelidenses26_250Era mediodía e todos tiñamos combinado na Praza do Convento. Aínda que o día era fresco un ceo sen nubes presaxiaba unha mañá idónea para desfrutar da visita. Estacionamos os coches a carón do punto de encontro, no centro urbano e mesmo á beira do Museo, o que semellaba xa unha agradábel benvida por parte da vila. Xuntos todos e comandados por Xulio Álvarez, quen tiña organizado a excursión este día, dirixímonos ao Museo da Terra de Melide.foto1_900

O Museo, segundo nos conta o seu director Xosé Manuel Broz, foi un antigo hospital de peregrinos fundado no século XIV e mellorado máis tarde pola casa de Ulloa. Unha vez traspasada a súa porta, cuxa entrada con forma de arco puido ter pertencido ao derruído castelo de Melide, o seu interior deseguida se revela fascinante. O contido do Museo ofrece diversos capiteis medievais, sartegos, fotografías, pinturas e outras pezas de grande valor que demostran un inxente esforzo de recollida, coidado e catalogación de obras. Seguen outros materiais de reducido tamaño que chamaron especialmente a nosa atención: a grande colección de pezas da época castrexa. Multitude de pedras aburatadas e penduradas dunha cordiña das que aínda se descoñece a súa verdadeira utilidade, así como misteriosas “rodelas”, pezas arredondadas, furadas e con deseños labrados que ninguén sabe para que servían nunha época en que había probabelmente moitos máis avances técnicos e vitais do que moitos sospeitan. Unha longa lista de muíños, armas e moedas completan a ampla mostra pre e pos-romana que nos indican amplamente onde pode chegar unha preocupación sincera por coidar o patrimonio e dignificar o noso pasado, algo imprescindíbel á hora de xuntar forzas para enfrontar o presente e construírmos un futuro que mereza a pena. Read More

Share

Palavra comum, unha proposta tribalista

«Na primeira lúa nova do ano naceu a revista Palavra comum, un novo espazo para a divulgación cultural. Trátase dunha revista dixital que pretende albergar unha selección de colaboracións artísticas inéditas e promover un convivio que favoreza a reflexión sobre a cultura. Os promotores do proxecto fornecemos o apoio técnico para a publicación e tentamos organizar os contidos de modo que se mostren en certa harmonía. Os temas, aínda que fundamentalmente artísticos, pretenden abrirse para ámbitos próximos como a historia, a crítica, e mesmo a outros máis amplos como o coñecemento tradicional, a ecoloxía ou a xestión xeral dos recursos do país. Todo isto coa intención declarada de conectarmos asuntos que na realidade teñen máis relacións do que habitualmente se pensa.

Os colaboradores de Palavra comum – Artes e letras da lua nova non pretenden erguer unha nova bandeira. Pasan a colaborar porque foron convidados e gustaron do proxecto, asumindo como única esixencia forneceren aquilo que a súa mao e o seu corazón quixeron escribir, gravar, pintar ou fotografar. Veredes que non existe entre eles unha única ideoloxía, nin lingüística, nin política, nin artística. Son persoas que aceitaron a idea de acudir a esta feira protagonizada pola troca de ideas.

Non existe calquera proxecto económico detrás. A revista, como é evidente, implica algúns gastos, os imprescindíbeis, e unha dedicación que ninguén agarda ver compensada economicamente. Nunha época en que escasea de tal modo o diñeiro en Algueirada percibimos se cadra mellor que o retorno económico non é necesariamente o incentivo maior. Pertencemos a unha cultura milenaria que por cinco séculos resiste a aniquilación, e deste feito tiramos leccións sobre a importancia do esforzo colectivo.

Somos conscientes de que esta nosa actitude non é nova, senón o noso modo persoal de recoller o testemuño galeguista e manter esa chama acesa sen a cal, sabemos ben, pasariamos un frío que non estamos dispostos a tolerar. Somos moitas hoxe, estamos certos, as persoas que desexamos partillar proxectos abranxentes, cultos e populares á vez, que nos permitan superar os fantasmas, ás veces dolorosamente familiares, propios de épocas con outras necesidades e consecuencia de pasadas decisións. É firme a nosa vontade de valorizar o noso no ámbito dunha nova irmandade, estudando o que de positivo poda haber en calquera proposta sincera en que a Galiza estiver no centro. Porque sen coñecermos o centro, dificilmente poderemos relacionarnos cunha periferia que hoxe entendemos global.

Esta é a nosa perspectiva cultural, e tamén unha proposta para axudar a construír un mundo que hai tempo levamos nos nosos corazóns.» {Praza Pública, 21/01/2014 }

Share

III Enarborar o bosque en Carballo. Mina non!

Este foi o poema co que participei no libro Versus Cianuro, en defensa do monte do Corcoesto:

O AUTÉNTICO OURO DO CORCOESTO

Os nosos antepasados eran persoas

que adoraban a Terra.

Observaban o ceo e decidían

en que estación apañar os froitos

ou saltar o lume ritualmente.

Baixo a lúa facían o amor

conscientes da unión

de todo o que a chuvia molla.

Os nosos antepasados eran sabios

porque percibían na terra

o espírito de cada pedra,

a vontade secreta do ventoversuscianuro

e a luz interior que existe

no manto da brétema.

Daqueles antepasados proveñen

os paisanos que aran a terra

e hoxe coidan o gando,

os que á tardiña observan

o mesmo solpor

desde hai millóns de anos,

os mesmos que á noite prenden

o lume para aqueceren o caldo.

Mais contra estas xentes dignas

hai ignorantes que reclaman

que é preciso agredirmos a Terra,

facer unha sangría nos campos,

secar as fontes e converter o chan

nun lugar duro e amargo

en que non aniñen paxaros

nin acudan en comunidade as árbores.

Son voces que visten traxes caros

e divulgan con altofalantes

a máis indigna das blasfemias,

que é condenar unha Nai

a observar como se envenenan

os fillos que amamenta.

Alfredo Ferreiro

{Máis información en Enarborar o bosque}

Share

Xosé Díaz: “Se fose catalán, Luís Seoane sería moito máis ca Miró”

Xosé Díaz en Xornal de Galicia: «[…] A pesar de todo o que fixo, a súa pegada nunca foi ben ponderada. Ata un ministro galego chegou a dicir que en Madrid non interesaba Seoane porque non o coñecía ninguén. Orellas para oír. Un home que interesou a Lorca, Alberti, Cunqueiro, Cortázar, Castelao, Borges, Sábato, Asturias, Picasso, Gabriela Mistral, Dieste, Octavio Paz… Non tiña pegada para un ministro culto e ben informado. Xosé Díaz cala ante o comentario. Parece lóxico que o ningunease a ditadura de Franco contra a que tanto loitou cando regresou do exilio arxentino en 1963 para instalarse no Castro de Samoedo con Isaac Díaz Pardo, pai do comisario da exposición e antes impulsor da Fundación Luís Seoane. “Agora si é bastante recoñecido, sobre todo desde que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1994”. Imaxinemos que Cataluña conta cun creador destas magnitudes. “Pois sería o Miró de Galicia. Moito máis. Seoane é unha figura moito máis complexa porque non só pinta. Traspasa o taller. Quédalle curto e fai máis cousas”, apresúrase a contestar Xosé Díaz. 
Luís Seoane non só se limita á creación, senón que arrastra a arte á industria, creando fábricas de cerámica, colabora con arquitectos e enxeñeiros alagando todo con arte. Hai agora alguén que lle poida facer sombra se puidesemos xogar co espello? “Non, non o hai. Seoane é un tipo cunha responsabilidade histórica incrible. ‘Os galegos non nos podemos dedicar só a pintar. Temos que saír do taller porque temos un país derrotado, escarallado, que hai que pór ao día’, dicía. Cada vez que un galego leva Galicia ao exterior faino con gaita, tambor, polbo, empanada… Esnaquiza o país. Seoane é o gran construtor das formas do futuro de Galicia. El colle a Idade Media, a Prehistoria, o campesiño, o mundo do mar… e sábeo proxectar. Iso non o fixo ninguén. Non sabemos comunicar Galicia. Seoane foi un gran comunicador. Con botellas de oruxo, empanadas, grelos e polbo non se fai […]».

Share

“Natureza Haiku”, de Olga Patiño, Isabel Pintado e Soledad Penalta

Desde o 19 de maio e até o sábado 5 puidemos desfrutar na Atlántica Centro de Arte dunha exposición de arte polivalente. Tres discursos diversos, tres disciplinas diferentes e, ao tempo, a potencia comunicativa resultante de tres voces harmonicamente unidas. Olga Patiño ofreceu versos directos de grande calado emotivo, que esteticamente xogaban coas caligrafías corpo largo, acentuando o contraste co fondo branco; Isabel Pintado destacou polas grandes manchas de obxectos difuminados, unhas quentes e outras frías, como soños asolagados na memoria que irremediabelmente se extingue; Soledad Penalta mostrou un aceiro humanizado pola caligrafía, promovendo o contraste entre masas pesadas e formas laminares, entre o inerte e unha sorte de formas en caprichoso movimento.
Tres discursos que, se ben en parte da exposición se propoñían individualmente, como carácter conclusivo se unían nunha pequena serie de obras de factura colectiva en que as tres artistas mesturaban poesía, pintura e escultura, dando lugar a obrasque multiplicaban exponencialmente os significados.
Como guinda da exposición, a posibilidade de adquirir o libro de artista Natureza Haiku, aquel con que Espiral Maior inicia a colección “O xardín prohibido”, e que ofrece obra das tres artistas en delicadas carpetas con pezas orixinais. Unha delicia para aqueles que consideramos que a interdisciplinariedade nas obras de arte permite atinxir dimensións nunca imaxinadas.

Share