Eu tamén son un Bolechas!

Os Bolechas difuminan os limites entre o mundo virtual e o real. Desde hoxe partindo dunha foto propia o usuario pode construír un avatar e verse integrado no mundo creado por Pepe Carreiro. O proxecto preséntase hoxe, martes 21, ás 13:15 na libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela.

Meubook chegou a un acordo con Pepe Carreiro e desenvolveu unha ferramenta que permite a creación dun conto personalizado a través da web. Baseándose na tecnoloxía de recoñecemento facial, e a partir da introdución duns poucos datos fisionómicos, un avanzado programa de caricaturización elabora unha imaxe do usuario adaptada ao mundo creado por Pepe Carreiro, que como personaxe dos Bolechas protagonizará unha historia creada para a ocasión. O libro ten un prezo de 19,99 euros, e pode ser solicitado a través da web ou encomendado ao libreiro de confianza en seis idiomas: galego, castelán, catalán, vasco, aranés e portugués.

O conto personalizado dos Bolechas é un novo produto de Meubook, unha plataforma que pretende ofrecer servizos eficientes e polivalentes para lectores e editores. Orixinalmente galega, a plataforma Meubook pretende achegarse ao usuario do ecosistema do libro en varias linguas: galego, castelán, catalán, vasco, portugués, inglés e francés.

Share

Meu Book, a primeira plataforma galega para ebooks e impresión a demanda

Esta semana temos outra boa noticia que anunciarvos: o equipo de Algueirada administrará a comunidade de meubook.com. Meu book é a primeira plataforma galega de edición de ebooks e de impresión a demanda para editoras e autor@s. Estades tod@s convidad@s á presentación que terá lugar no Centro Social de Caixanova en Santiago o día 27 de maio ás 12:00 (para confirmar asistencia podedes chamar ao 902 905 024).

Share

Biblos Clube de Lectores

Onte polo correo ordinario chegaron as encomendas feitas a Biblos Clube de Lectores, espazo no que hai un tempo merco libro galego, libro portugués e música, preferentemente. Nesta ocasión o lote consistía en:

Bos tempos para a lírica. A xeración de 1980, de Xavier Rodríguez Baixeras (Espiral Maior). «É un estudo exhaustivo, e ao mesmo tempo moi persoal, da escrita levada a cabo polos autores da coñecida como “xeración poética dos 80”. O autor analiza a obra de 11 poetas representativos dunha época particularmente “singular” da lírica galega contemporánea.»

Novas achegas ao estudo da cultura galega. Enfoques literarios e socio-históricos, edición de Olivia Rodríguez González e Laura Mariño Sánchez (Consello da Cultura Galega / Universidade da Coruña / AIEG). «Unha selección de traballos que pasaron, ademais da peneira do comité editorial, o cribeiro non menos rigoroso de seren postos en común, discutidos e refeitos polos seus autores durante os tres anos que mediaron entre o seu encontro na Universidade Federal de Salvador de Bahia (Brasil), co gallo do VIII Congreso Internacional de Estudos Galegos organizado pola AIEG, e o momento presente, en que fixeron a última revisión antes de entregalos ao prelo electrónico.»

Medea dos fuxidos e outras pezas, Manuel Lourenzo (Biblos). «Conxunto de pequenas obras teatrais que permiten o seu disfrute como lectores e tamén a representación con sinxelas montaxes ao alcance dos afeccionados, escolares ou adultos.»

Totem, Fran Pérez “Narf” (Falcatruada). «Segundo disco de Fran Pérez, compositor e vocalista que ofrece baixo o marchamo de Narf a súa identidade máis sintética e acústica. Este traballo recolle melodías pop que dan forma a sons de todo o mundo.»

Share

Convite da Trinta por Uma Linha no Porto

Convite_Sopa_Saltafolhinhas

Coñecimos este pasado verao o autor e editor João Manuel Ribeiro en Gaia, na presentación de Verso a Verso , libro en que tamén participan os amigos Amadeu Baptista e Vergílio Alberto Vieira. Alí puidemos coñecer os interesantes libros da editora Trinta Por Uma Liña, da que habemos referenciar tamén neste ano varios títulos. Estes días recibimos o convite para a presentación dunha obra que semella ser realmente suculenta.

Share

Culturgal: un ano en barbeito

Logo Culturgal 2008O Culturgal non se celebrará en 2009. Esta é a decisión que, despois de coñeceren a falta total de apoio da Consellaría de Cultura, veñen de tomar os membros da Asociación Galega de Editores. A noticia, publicitada por Manuel Bragado no Brétemas —o que con certeza case un millar de persoas lle agradecemos— é froito da reunión da AGE celebrada onte e da que nada soubemos até agora pola súa web nin polos medios convencionais. E iso que era ben sabido que estabamos á espera da noiticia moitas persoas comprometidas coa cultura e sen dúbida co libro galego. Case mil dos máis atentos e dos máis voluntariosos (máis de 800 no Facebook, máis de 120 en Blogaliza, máis de 1200 horas de traballo voluntario ofrecido). Mais os editores, probabelmente entupidos pola diversidade de criterios que unha asociación numerosa e unha situación difícil implican, agardaron demasiado durante o ano perante a falsa actividade dun goberno que, disimulando, sementaba sal nunha leira que non soportará indefinidamente os maus tratos dunha centenaria especulación cultural.

Share