Galiza, o auténtico enigma histórico

Mapa político do Noroeste da Península Ibérica no ano 891, durante o reinado de Afonso III.«A Historia da Galiza medieval é a historia dun roubo. E non me refiro ao recente latrocinio do Códice Calixtino, do cal celebro conservarmos todos os seus contidos en facsímiles e edicións eruditas, algo moito máis relevante que o antigo coiro que os contén. Refírome ao roubo que supón escribir a Historia de tal modo que un reino multisecular fique sepultado por toneladas de estudos académicos máis comprometidos coa erección dunha nación aveseira do que coa verdade histórica máis elemental.

Un reino roubado ao seu pobo e unha nación ocultada polos programas escolares obrigatorios do Estado se non nos preocupamos por revelar a grandeza histórica do noso país. A grandeza que algúns dos nosos paisanos quixeron e queren desprezar. Mais caian os viles nas súas vilezas, ignorantes para quen desexo que o seu miserábel deus os provea da luz que lles nega e que así coñezan que lonxe camiñan da felicidade natural de amar o propio.

Claudio Sánchez Albornoz considerou España “un enigma histórico” e uniu o autenticamente “español” á prominencia de Castela por sobre todas as outras realidades político-económicas do medievo. E con este absurdo ocultou que o auténtico enigma é a Historia medieval da Galiza. Moitas son, con efecto, as cuestións que están a ser revisadas […]» {Ler todo o artigo en Galiza, o auténtico enigma histórico – Praza Pública}

Share

Camilo Nogueira: “A ideoloxía historiográfica española non acepta a realidade histórica de Galiza”

Camilo Nogueira: «[…] Non hai tantos anos había xente galeguista, galeguistas moi coñecidos, que admitían a idea de que a Galiza é un país sen historia. Incluso agora en medios académicos até galeguistas fálase da “Coroa de Castela” sen pasar vergoña ningunha, cando é un tratamento puramente ideolóxico negador da historia de Galiza e de España. Para coñecer o presente hai que coñecer o pasado.
Por exemplo, “é que os cataláns, a diferenza dos galegos… isto e aquilo…” Non é os cataláns, son as circunstancias propias de Cataluña e as propias de Galiza. Cataluña perdeu a autonomía profunda no século XVIII, nós perdemos a que nos restaba de reino autónomo no 1500, o galego foi negado pola monarquía española nese momento, entanto que o catalán foi oficial até o principio do dezaoito. E non pasou moito tempo até que se deu a revolución industrial alí. Pero no principio do XVIII Galiza tiña o dobre de poboación que Cataluña e agora menos da metade. Ademais as clases dominantes catalás apenas participaron no goberno da monarquía española nin no estado español, en cambio as galegas estaban, paradoxalmente, profundamente implicadas. A metrópole de Santiago, que era un poder económico e político extraordinario, chegaba até Badaxoz, Ávila e a fins da Idade Media até Lisboa, e na Idade Moderna, no século XIX e boa parte do XX os arcebispos designados desde fóra eran alleos a Galiza. A metrópole de Santiago foi un feudo da monarquía. Esa imbricación das clases dirixentes galegas na monarquía e no estado supuxo un elemento moi diferente dos cataláns que, por así dicir viviron até moi tarde con autonomía, vivían “en si mesmos” aínda que coas relacións correspondentes co resto da Península. Como non comprendas isto non podes explicar o que ocorre agora. Entón afirmacións do tipo “Galiza ten un carácter esencial mariñeiro e labrego… Os galegos somos mariñeiros e somos labregos… Mágoa que se perdera o mundo agrario, porque alí se falaba o galego e no mundo urbano non…” Ese tipo de pensamentos non teñen en conta as circunstancias de que o carácter galego é expresábel no mundo industrial, como ocorre en todos os países e que se o uso do galego non está hoxe normalizado despois de séculos de negación na administración, na educación, na igrexa, etc. é por razóns políticas evidentes, que temos necesidade imperiosa de superar. Read More

Share

Advertencias da Crónica Troiana

«[…] Estamos nun tempo decisivo na historia de Galiza, no que aínda existen unha clases dirixentes propias, que no século seguinte se verán precipitadas á desaparición e á desmemoria. Bo exemplo desta situación é que houbo quen quixo furtar da historia o nome do mecenas desta tradución ao galego.

Se na actualidade dispomos do dato de que foi Fernán Pérez de Andrade quen mandou realizar a Crónica é grazas aos reactivos que se lle aplicaron no século XIX a varias liñas riscadas na obra. Nelas figuraba o nome completo deste señor galego, descrito como “o mellor home que havía entonce en Galiza”. Outras dez liñas e media que tamén foron tapadas, a bo seguro polos mesmos motivos políticos que as outras, permanecen totalmente ilexíbeis.

O que se quixo eliminar e non conseguiron de vez foi o seguinte:

E sabede que este Fernán Pérez foi fillo de Roi Freire d’ Andrade, e por mi creede de certo que a este tempo que este livro foi escrito que este Fernán Pérez era o mellor home que havía entonce en Galiza dos conde ou rico home afora. E sabede que el a este tempo era home de duzentos homes de cavalo armados a todo punto. E era señor da vila da Cruña e da vila de Betanços e da Pontedeume. E Ferrol e a Pontedeume dérallas el rei por súa herdade. E outrossí tambén era señor de Neda e de Cedeira e de Santa Marta e de Viveiro e de Vilalva, e de todos seus términos de todas estas vilas e lugares, e tambén das terras chãas en todas estas comarcas, en guisa que quantos homes moravan en tódalas ditas vilas, bõos e ligeiros e…[…]»

Vía O blog do Carlos Callón.

Share

Guillerme o Conquistador e Afonso de Galicia

«[…] Antes da batalla de Hastings, un cabaleiro normando, Walter Giffart, señor de Longueville, “peregrinou” a Compostela. E póñoo entre aspas porque os historiadores ingleses coinciden en que Giffart chegou coa peregrinación como escusa, e que en realidade o cabaleiro veu a Compostela con motivos máis políticos que relixiosos, vinculados a esa alianza atlántica entre dous territorios emerxentes no cambio de milenio. Proba diso é que retornou a Normandía desde Compostela cun valiosísimo, magnífico cabalo negro para Guillerme, “o agasallo dun rei que tiña unha gran amizade co duque”. Era Afonso, rei de Galicia. Non sabemos a raza, pero esas miniaturas revelan o seu porte maxestuoso: o cabalo dun conquistador. Debeu chegar polo roteiro máis rápido, cruzando o mar rapidamente ata Normandía […]»

Vía Capítulo 0 » O cabalo negro de Guillerme.

Share

Destruído un castro de valor incalculábel

Manuel Gago: «[…] O que aquí pasou foi terrible, propio do máis taimado construtor especulador; a diferencia é que foi financiado, silenciado e decidido por institucións públicas, que actuaron en connivencia para que o achado máis importante da arqueoloxía galega das últimas décadas non creara problemas a unha obra, o Porto Exterior coruñés, na que confluían numerosos intereses políticos, mediáticos e económicos. É un dos capítulos máis vergoñentos da nosa arqueoloxía recente, pero ninguén pedirá responsabilidades por el. E non se trata de decidir aquí, neste post, se o castro debía pervivir ou non, ou sobre que era o importante, se o Porto Exterior ou a primeira factoría fortificada da Idade do Bronce localizada na Europa atlántica. Aquí queremos horrorizarnos con este silencio das Administracións que actuaron en connivencia, sabendo que tiñan unha pataca quente nas mans, que decidiron sobre os bens públicos sen contar cos cidadáns.

A Consellería de Cultura manifestou a súa vontade de tentar reformar a Lei de Patrimonio do país. Desde Capítulo Cero, queremos aportar ideas para que a nova Lei evite que volvan producirse situacións coma estas. Que a lei incorpore o principio de publicidade, divulgación e libre acceso á información sobre todos os sitios arqueolóxicos escavados, na medida en que son bens públicos, dentro do exercicio da responsabilidade (e que se limite claramente ese exercicio a casos excepcionais). Que a Lei obrigue a elaborar informes públicos sobre os sitios arqueolóxicos antes de que estes sexan destruídos, para que todo o mundo sexa consciente do que se perde e se se debe perder. Que a Lei obrigue, de algún xeito, a vincular os sitios arqueolóxicos coas súas comunidades locais.

¿Aprenderemos algo deste drama da nosa cultura?»

Vía Capítulo 0 » O drama (histórico) do Porto Exterior da Coruña.

Share

‘Memorias Rotas. A balada do comandante Moreno’

Impresionante documental sobre unha das moitas atrocidades dos Falanxistas, que conmocionou Galiza enteira despois do acontecido na vila do Acebo. Participan testemuñas directas e indirectas, ademais de especialistas na historia do anarquismo galego como o noso prezado amigo Eliseo Fernández.

«[…] Manane Rodríguez plasma neste documental unha terrible historia da Guerra Civil Española sobre un grupo de combatentes antifascistas, O Batallón Galicia liderado polo Comandante José Moreno Torres, cando frustrado o seu intento de fuxida por mar, se perden na fronteira entre Galicia e Asturias sen que nunca ninguén volvese a saber deles.

O relato do que lles sucedeu a este grupo de homes perviviu ó longo dos anos na Fonsagrada en forma de romance popular que foi transmitido de xeración en xeración ata os nosos días a pesar da dura represión que se instaurou despois do golpe militar. Familiares, amigos e testemuñas directas narran no documental a triste historia do comandante Moreno e o seu grupo, o que contibúe a reparación desta dolorosa historia máis de 70 anos despois do sucedido.» (AGAPI)

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/TDK02HJR1OU" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Share

1.600 anos do nacemento do Reino da Galiza

A Nosa Terra: «Nos últimos tempos, o Reino Suevo foi obxecto de numerosos estudos, suscitando un gran interese e a arqueoloxía está fornecer numerosos datos contribuíndo a revisar e recompoñer por fin un panorama da cultura material da Antigüidade Tardía e a Idade Media desta civilización en terras galegas.

Por esa razón, e coincidindo co 1600 cabodano da fundación do Reino de Galicia, o Concello de Pontevedra creou este Congreso deseñado como un foro para a reflexión, a posta en común e a divulgación, dunha parte da Historia de Galicia que se desenvolve no Pazo de Congresos da cidade dende este martes e até o 8 de outubro.

Coñecer os estudos sobre a Antigüidade Tardía en Galiza e concretamente sobre o Reino Suevo, a creación dun marco para a exposición e a divulgación dos resultados das investigacións máis recentes; o estabelecemento dun foro de debate, e de intercambio de novas, datos, métodos e iniciativas investigadoras; e o fomento do estudo do Reino Suevo son os obxectivos deste congreso no que se coñecerán datos históricos, económicos, políticos, sociais e culturais desta civilización que xurdiu nun momento indeterminado entre os anos 410 e 411, cando o rei suevo Hermerico e o seu pobo asentouse na provincia romana de Gallaecia.

Daquela fundou un reino independente do poder de Roma, que perdurou como tal ata o ano 585, cando foi anexionado polo rei Leovixildo ao veciño reino Visigodo.

Os 175 anos que durou este período histórico, foron fundamentais na historia de Galiza. Nesta época consolídouse e expandese o cristianismo e puxéronse os alicerces da organización da Igrexa, na que se estende o monacato e os mosteiros, e na que floreceu unha cultura escrita sen comparación no mundo latino.»

Share