‘Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro’, por Ramón Nicolás

Versos Fatídicos, por Alfredo Ferreiro (Positivas, 2011)«Tras Metal central (2009) retorna Alfredo Ferreiro ao primeiro plano da actualidade cos seus Versos fatídicos (1994-2010): unha intensa colectánea que agrupa composicións inéditas e outras que agora se versionan e modifican, dispostas logo dun intelixente limiar subscrito por François Davo e que contan cun monllo de ilustracións da man de Alberto Esperante.

Este volume susténtase na aplicación dunha perspectiva heteroxénea, tanto no que ten que ver cos asuntos tratados como no que se refire a formas e estilos, onde podemos atopar desde composicións máis ortodoxas a aforismos, pasando por prosas poéticas ata reflexións de carácter filoensaístico. Se cadra sexa nesta clave desde a que cómpre achegarse ao que se configura como o espello persoal dunha visión poliédrica e singular do noso propio tempo e do “fatum” que o rodea, inquirindo con teimosía posibles respostas a unha morea de preguntas, articuladas desde un rico universo simbólico, que vai desde o ámbito do automatismo creador ata a presenza do máis cotián, sen esquecer a evocación memorialística nalgún caso e, talvez por riba de todo, o cuestionamento respecto da morte e o seu último sentido.

Un libro que nace desde a instancia das incertidumes e as conxecturas pois “Escribir un poema debe ser un diluvio que agoniza”. Poesía que se espalla en marés de palabras, moitas veces esgazadoras, para seguir camiñando sobre o tempo e a vida.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 24 de decembro de 2011 baixo o título de «Culto ao vario en marés de palabras».»

{Caderno da crítica}

Share

‘Un polbo alimenta un soño que non cesa’

Polbo surrealista de Alba Torres(Lembrando Julio Cortázar)

Amañecín un día rente ao mar
e recoñecín un polbo na miña man.
Recoñecín un polbo durante o brazo
e até un polbo descubrín
sobre os meus ombros.
Un polbo que elevaba
a miña alma no ar
sen deixar de virar
como unha turbina de polbo.

Arrastrado polo polbo
percorrín a terra e o mar,
e sobre os montes pairei,
e sobre as ondas
que baten no horizonte.
Había un polbo á miña frente
e ás miñas costas había polbo.
Á dereita tamén e á esquerda sen dúbida
había o que non deixaba de haber;
e debaixo dos meus pés
e sobre a miña cabeza
había sen pausa o animal que vos digo.

Cunha sospeita fun até o espello,
e sabedes o que vin?
Non era un gato tocando un instrumento,
era un polbo do outro lado do vidro,
un polbo que me ollaba
se sorprendía e logo fuxía
deixándome atrapado no espello
cun misterio sen resolver.

Alfredo Ferreiro {Grupo Surrealista Galego}
Ilustración: Alba Torres

Share

‘Vivir un soño repetido’, libro electrónico de homenaxe da AELG a Lois Pereiro

“Con motivo do Día das Letras Galegas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega edita un libro electrónico coas colaboracións dos seus asociados e asociadas. As colaboracións, inéditas e orixinais, responden a un duplo formato: a) poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro; obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro. Da  conxunción de todas as achegas nace este libro electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel no apartado de publicacións da web da AELG.” [Vía Asociación de Escritores en Lingua Galega]

Os autores e autoras que participan son: Francisco Álvarez-Koki, Ana Arias Saavedra, Afonso Becerra de Becerreá, Concha Blanco, Lino Braxe, Ramón Caride, Arturo Casas, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Álvaro Lago, María Xosé Lamas, Rafael Lema, Siro López, Lourdes Maceiras, Tati Mancebo, Verónica Martínez Delgado, Rosa Méndez Fonte, Carlos Negro, Lucía Novas, Toño Núñez, Olga Patiño, Claudio Pato, Ana María Pérez Cerviño, David Pobra, Xavier Queipo, Baldo Ramos, Mario Regueira, Xavier Seoane, Chelo Suárez, Alberte Suras, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor e Helena Villar Janeiro.

Algunhas recomendacións para a lectura:
1. Tanto en Linux canto en Windows é recomendábel usar Calibre. Con Windows 7 vai ben Adobe Digital Editions.
2. Para navegadores: a) Epubreader en Firefox funciona perfectamente (hai que instalar o addon e despois abrir o libro desde “Abrir arquivo” en “Arquivo”); b) Para Chrome recomendamos a extensión MagicScroll.

Share