Premios AELG 2009

O sábado pasado acudimos á Cea das Letras da AELG en Compostela, onde se entregaron os premios concedidos pola Asociación de Escritores a conta dos votos maioritarios dos propios socios, que escollemos cada ano as obras que máis merecen ser resaltadas dentro das publicadas no ano anterior. O sistema de votación deste ano, cun procedemento simple e en liña, facilitou moito máis a participación na elección.

Na literatura infantil e xuvenil gañou Xabier P. DoCampo, un amigo que o ano pasado apostou por un libro de xénero híbrido entre o narrativo e o poético, en paralelo ás ilustracións de Xosé Cobas, entre o figurativo e o abstracto, entre o realista das notas de campo do viaxeiro e a experiencia onírica de toda verdadeira inspiración.

Na poesía o escritor Xulio L. Valcárcel apañou o premio por unha obra en que os corpos se dilúen na líquida melancolía que pinga de todo aquilo que foi vivido, de todo aquilo sobre o que navegamos no presente até que atinximos unha terra futura que inevitabelmente se ha de perder entre os nosos dedos, licuada e gardada para sempre na garrafa da memoria.

No novo apartado de premio ao blogue literario, para o que este mesmo estaba nominado, gañou o de Marcos Valcárcel, un home de dilatado compromiso coa cultura e incontestábel mérito na web. Un home a quen foi un pracer saudar por primeira vez en persoa, e por quen manifesto publicamente a miña admiración.

Canto ao Premio de Escritora Galega Universal, só podemos dicir que a humildade de Elena Poniatowska só pode ser superada pola súa habilidade para falar con economía verbal e total precisión emotiva. A súa é unha mestría difícil de igualar. Eu viña de escoitala no día anterior durante o II Encontro Cidade da Coruña (que a AELG ofrecerá en breve na rede), na RAG, e por iso non me sorprendeu que comezase o seu discurso dicindo que era evidente que o seu corpo tras o atril e o micrófono non sobresaía porque ela mesma non abultaba máis do que “un perro sentado”. É a facilidade que ela ten para falar desde o “cero vaidoso”, para entregarse logo a denunciar as inxustizas que cada día padecen os que andan descalzos na procura do pan, as que entregan a pel na fábrica para logo lles seren roubadas as vidas que duramente arrastran no anoitecer. O escritor non importa, o escritor non ten face, o seu corpo non vale máis do que un can sentado. Mais a obra, aquilo que se destila do interior e debe inocular unha humanidade que penetre as consciencias, aquilo que debe ser escrito con amor polos mais, é o que realmente importa. Porque a obra para algunhas autoras como Elena non debe ser lastrada coas carnes de quen a escribe.

Na nosa mesa partillamos a alegría polos premiados outros nominados daquela noite. Eduardo Estévez, polo seu poemario Construcións, e María Isabel García Fernández, pola tradución d’ O xiro postal.

Durante a cea, o carácter vangardista de Tati Mancebo fixo que se lanzase nunha nova aventura comunicativa. Apañou o seu móbel e, tal como tiña previsto, emitiu ao vivo o ditame dos premios da AELG através do novo portal da Blogaliza. Os resultados foron estes:

Share

‘El Cantar de Mío Cid: génesis y autoría árabe’, de Dolores Oliver, por Catherine François e Santiago Auserón

Os amigos Catherine François e Santiago Auserón publicaron hoxe no suplemento cultural Babelia unha lúcida recensión sobre o libro El Cantar de Mío Cid: génesis y autoría árabe, obra que pola amabilidade deles e a xenerosidade de Jorge Lirola, da Fundación Ibn Tufayl de Estudios Árabes, chegou á nosas mans hai unhas semanas. Neste libro, segundo a opinión de François e Auserón, a profesora Dolores Oliver sostén moi fundamentadamente que o Cantar “puido ter sido escrito polo poeta e xurista árabe Al Waqqasi, orixinario de Toledo, que axudou  Rodrigo Díaz de Vivar a gobernar a cidade de Valencia despois da súa conquista”. Recomendamos a recensión completa e prometemos unhas notas propias sobre o particular cando unha lectura atenta, fortalecida por un repaso histórico-literario da época, nos sexa posíbel.

Share

A Coruña Son edición 2009

O certame de canción popular A Coruña Son 2009 abriu as portas o 17 de decembro, mais os fríos natalicios e a falta de forma nos asuntos dixitais dos nosos máis intrépidos grupos musicais fixo que o 2008 pechase sen candidatos. Comezado o ano con folgos novos, despois de recuperar glucosa coas uvas de fin de ano (e se cadra algún zume de tomate), son a día de hoxe 41 os grupos inscritos e 34 as cancións disponíbeis na web de A Coruña Son 2009.
O prazo para concorrer continúa aberto até o 10 de febreiro. Os nomes vencedores virán á luz o día 14. O premio será modelar as súas composicións coa asesoría técnico-artística de Santiago Auserón e participar finalmente no disco da presente edición.
Todo parece indicar que a calidade será polo menos tan alta como a do ano pasado.

As cancións de 2008, xa editadas en disco simple (en breve tamén en digipack) e disponíbeis para descarga na supradita web, son estas:
Tonhito de Poi: Marinheira (Coros: Tonhito de Poi, Javi Manero e Santiago Auserón) [1]
Chámalhe Xis: Canto aquí, canto onde me peta [2]
Mr. Carácter: Xabarín-manía [3]
Pablo Díaz: O moucho [4]
Chus Silva: A lagoa dos soños [5]
O sonoro maxín: A rúa do perigo [6]
Nat: Nunca te quixen [7]
Os John Deers: De que me vale [8]
Iria Pinheiro: Violoncello [9]
Santiago Auserón: A Misteriosa (Versión en galego de Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro) [10]
D-Laxe: As túas mans [11]

Share