«A AELG solidarízase coa Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e esixe que remate a vixilancia especial contra as institucións literarias catalás.
No caso concreto do Servei de Biblioteques suspéndense, segundo afirmou o propio servizo, actividades de fomento da lectura, xornadas profesionais, traballos do catálogo e do carné único ou a compra de libros.
Desde a AELG expresamos o noso apoio e a nosa solidariedade cos escritores e escritoras catalás e denunciamos esta persecución sen límites contra a cultura catalá. Non existe ningún motivo, ningunha razón, ningún argumento legal nin paralegal, que xustifique unha actuación que é contraria a un sistema que se autoproclama democrático.
A AELG esixe que se poña fin á vixilancia especial contra estas institucións e o que é, de feito, unha persecución contra a cultura e a lingua catalás.
A AELG envía unha fraternal aperta ás e aos colegas da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e exprésalles o seu apoio na súa denuncia desta intervención inxustificábel.
23 de setembro de 2017
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)»
«Diríxome a vostede despois de ter lido os comentarios que fai sobre min nunha entrevista que lle dedica César Lorenzo Gil no blogue Biosbardia. Como observo que semella non ter entendido as miñas pretensións ou non poder evitar tirar conclusións inxustificadas, tentarei explicarlle con máis clareza algúns extremos.
En primeiro lugar, se interpreto que o seu Centro Pen Galicia semella ser unha asociación de funcionamento opaco non é unicamente polas razóns evidentes anteriormente citadas (“[…] non existe un modo claro de chegar a saber quen pertence a el, nin quen forma a súa directiva, nin cando se renova esta, nin que obxectivos ten, nin de que recursos dispón […]”), senón tamén pola información de primeira man que me facilitou un socio do Centro Pen Galicia: Xavier Alcalá. Efectivamente, el me relatou como reclamou sen éxito a lista de socios do Pen antes de que se pechase o tempo estipulado para presentar canditaturas, e como tamén pediu que lle confirmasen documentalmente os cargos das persoas que convocaban as eleccións á presidencia, e mesmo de como solicitou os estatutos do club, todo isto sen ningún éxito a día de hoxe, por moito que o teña solicitado por email primeiro e por burofax despois. Se isto non é ser opaco, señor Tosar, entón até o Monte Pindo é transparente. Read More
Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
3/3/2016
Á vista das declaracións públicas difundidas nestes días en que se nomea e verten opinións atribuídas á AELG, o seu Consello Directivo quere facer constar o seguinte:
1. É norma da AELG manifestarse co seu proxecto de traballo e plan concreto de actuación no día a día, perante a súa base asociativa mediante comunicación persoal e directa, e á sociedade global a través das novas tecnoloxías e medios de comunicación, así como dar conta anualmente nas súas asembleas do traballo feito e do estado de contas que sempre foron públicas.
2. Agradecemos os artigos nos que a AELG ten sido citada en positivo polo seu facer e proceder e nos que, asemade, se evidencia a desproporción entre o traballo colectivo desenvolvido por esta entidade na defensa e promoción do sistema literario galego e as desiguais achegas das diversas institucións públicas do país, fortemente minguadas nos últimos anos, pois non faltan á verdade.
3. Aínda que lle son demandadas, a AELG nunca entrou nin entrará a avaliar as opinións expresadas polos seus máis de catrocentos asociados e asociadas, que entendemos que fan públicas no exercicio da liberdade de expresión cuxa defensa é a razón de ser da AELG.
Santiago Jaureguizar: «[…] Unha noite de néboa camiñaba por Santiago. Para ver Eyes wide shut nun cinema tivera que desprazarme dende Lugo á capital. Cruzaba Praterías en dirección ao aparcadoiro, cando se me atravesou unha figura alta vestida de negro, cun sombreiro milanés do século XVIII e a cara escondida por unha máscara de antroido veneciano tan cursi como todas as máscaras venecianas. O intruso anuncioume: «Imos convidalo a entrar no Pen Club. As intrucións están neste sobre, pero non o abra ata chegar a Lugo». Eyes wide shut é un suxestivo filme de Stanley Kubrick, un director que pasou á historia por 2001. Unha odisea no espazo, unha película capaz de ralentizar unha dixestión. Pero non lembrei o acontecido en Praterías por ese filme, senón polo blog O Levantador de Minas, de Alfredo Ferreiro. As persoas intelixentes e que transpiran lecturas, como Alfredo, fascínanme tanto como os aparecidos ou as sociedades clandestinas. O pasado luns linlle a entrada Por que calamos @s escritor@s? a respecto do Congreso Internacional de Escritores que está preparando o Pen Galicia en Ourense para outubro.
A Ferreiro espértalle pouco entusiamo o Pen galego. Escribiu que «polo que teño ouvido, son menos de cen membros, mais non coñezo ningún sitio onde poder consultalo na web. É,polo que parece, un clube moi apoiado institucionalmente, mais de funcionamento opaco e caprichoso». Buf! Gústame esta valentía. Non podo dicir se concordo porque ignoro a oferta de actividades e tarxetas de descontos que ten o Pen Club.
Érase unha vez nun país lonxano que un señor escuro con sombreiro milanés, como os que saen en Eyes wide shut, deume un sobre para facerme membro. Metíno nun exemplar de Myron, de Gore Vidal en Grijalbo. Levábao na man e debeu de esvarar entre as páxinas de camiño ao aparcadoiro de Xoán XXIII, onde tiña o coche, ou foi unha ensoñación tras saír do cinema en Compostela. A descrición do Pen Galicia como organización penumbrosa animoume a pedir novamente o formulario, aínda que advirte Alberto Ferreiro de que é «un club selecto no que soamente se entra por convite dunha elite de socios».
Leo nese mesmo artigo de O Levantador que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) caracterizase polo «asamblearismo» e a «transparencia». Nada máis soporífero que un club ao que pode pertencer calquera e que informa de cada actividade que fai. Tan aburrido como 2001, unha odisea no espazo. Fun socio da AELG e coñecer as súas actividades alentoume a deixar de selo.
[…] O mércores informeime de que imos enviar unha remesa de 25 escritores á Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que estará dedicada a Santiago de Compostela. Paréceme gratificante mandar os nosos autores a coñecer sabrosas gastronomías e participar en exultantes xogos florais. Os lectores bonaerenses formarán longas colas de lagartixa para conseguir libros en galego dedicados polos nosas figuras literarias. Con todo, non deixo de preguntarme —e de preguntar a Anxo Lorenzo— se unha oficina de tradución non sería máis eficaz para internacionalizar a nosa literatura.
[…] Cando había dous partidos compartindo San Caetano, os socios do Pen queixábanse en privado da «comprensión institucional» que recibía a AELG. A diverxencia entre o Pen e a AELG ten as trazas de Vella Política e Nova Política; entre organización de cadros e organización de masas, que dicíamos nos 80. En ambos os modelos hai unha elite dominante coa inercia para permanecer; como en calquera actividade humana, nada excepcional nin indignante.
Os dez debates que mantiveron Gore Vidal e William Buckley soamente lles permitiron chegar a un acordo: odiábanse. O rancor duroulles en vida e no alén. Cando morreu Buckley, en 2008, Vidal despediuno escribindo que desexaba que ardese no «inferno», pero confesaba que a chegada do seu rival farío «un lugar máis divertido». A ningún dos dous lles faltaba o sentido do humor, unha virtude tan ausente nas nosas elites intelectuais.»
Vários fôrom os temas tratados no “VI Congreso de Escritores/as Galegos/as: Para que(n) escribimos o futuro?“, celebrado em Ponte Vedra em 26 de setembro de 2015, todos eles propostos polas interessadas e participantes no evento. Como três eram as mesas de trabalho a que uma pessoa podia acudir, falarei das três em que me coubo participar.
A mesa de trabalho de “Dereitos de Autoría e Profesionalización”, comandada por Francisco Castro, tinha começado por interessantes considerações suas e por uma pormenorizada síntese das nefastas experiências com editoriais de Xavier Queipo, que valorizou a situação que habitualmente o escritor sofre a respeito da sua falta de proteção no sistema literário e particularmente face aos interesses editoriais. Mas se estes fôrom os conteúdos de partida, logo no encontro propiciado polo Congresso outras questões fôrom trazidas à mesa.
Maria Xosé Queizán, perante a precária situação das escritoras perguntava onde era o muro das lamentações, ao que Francisco Castro replicava que se quadrar lamentar-se não servia. Elena Gallego solicitava referências atualizadas sobre honorários e contratos e arguia a necessidade de formar um critério próprio à hora da estratégia. Read More
COMUNICADO DA FEDERACIÓN GALEUSCA de Asociacións de Escritoras e Escritoras en linguas galega, éuscara e catalá sobre o segundo anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)
(A Coruña, 11 de marzo de 2013) O compromiso público coa cidadanía que a Federación Galeusca asumiu desde a súa fundación, obríganos a pór en coñecemento da sociedade a nosa preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán, propios e oficiais de Galiza, Euskadi e Paisos Cataláns, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións, sexan estas de ficción ou de ensaio e investigación.
Constatamos a incoherencia da teorización recollida na exposición de motivos do anteproxecto de LOMCE e, por tanto, a inviabilidade da súa concreción educativa no futuro formativo do alumnado, ao pretender defender como alicerce deste novo regulamento a calidade educativa desde o reforzo de valores, competencias e coñecementos no alumnado do Estado, marxinando e restando espazo de aprendizaxe activa á diversidade lingüística e cultural que sustenta o Estado español e que reafirman os nosos limitados e insuficientes Estatutos de Autonomía.
Entendemos que non pode avanzarse na mellora da calidade de aprendizaxe global do individuo se se prescinde ou limita a súa capacidade para coñecer e recoñecerse no seu contorno, marcado pola heteroxeneidade e a diversidade lingüística e cultural; democracia, respecto, solidariedade e equilibrio son palabras que perden, con esta filosofía segregadora que o anteproxecto de LOMCE ampara, o seu valor e centralidade máis profunda.
Utilizamos cookies para melhorar a sua experiência no nosso website. Ao navegar neste website está a concordar com a nossa política de cookies.ContinuarSaber mais
Privacidade & Política de Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.
Utilizamos cookies para assegurar que lhe fornecemos a melhor experiência na nossa página web. Se continuar a utilizar esta página pressupomos que está feliz por a utilizar.Ok