O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz

Varias son as lecturas de O rastro que deixamos. Ao testemuño directo de tempos que xa non existen máis que na memoria, podemos interpretar entre liñas os cambios no discurso e admirar o compromiso de Agustín Fernández Paz coa nosa cultura no seu empeño por relatar o universal desde a súa experiencia máis individual. Anos de amigos, de afeccións, de preocupacións e teimas mais, sobre todo, de esperanza e confianza nun mundo mellor. Para a miña xeración, dos anos sesenta, supón un privilexio contar co relato da nosa prehistoria máis recente escrita por un mestre da xeración intermedia entre a nosa e a dos nosos pais, presentado como un prato de pementos de Padrón coa súa síntese de sensacións encontradas. Moito temos que agradecer ao colectivo Avante que, a forza de vontade común, fixo realidade os libros de texto con que comezamos a estudar galego por primeira vez en moitos séculos, aos movementos de renovación pedagóxica e a tantas persoas que, nunca suficientemente recoñecidas, conseguiron facernos acreditar na nosa lingua e sabermos transmitir aos nosos fillos eses mesmos valores como señas imprescindíbeis da nosa identidade.

Tati Mancebo

Share

Culturgal 2012

Tati Mancebo no Foro Culturgal 2012Onte visitamos o Culturgal 2012. A oportunidade veu dada pola participación de Tati Mancebo no Foro Culturgal no cadro dunha “xornada de difusión e formación FERRAMENTAS TIC E MULTIMEDIA NAS AULAS”, na que presentou en dúas sesións un bon lote de “ferramentas TIC e contidos multimedia pensados para as aulas”: 60 aplicacións en 60 minutos. O traballo ficou disponíbel no seu blogue, para quen se interese por el.

Mais a ocasión, como estaba previsto, facilitou unha visita demorada pola miña parte no recinto da feira, que este ano semellaba gozar dunha disposición espacial máis axeitada: existía unha avenida principal desde onde se podía acceder á inmensa maioría dos stands, case todos eles a unha simple vista de ollos. Polo contrario, a localización dos espazos destinados aos eventos foi para min máis difícil de atopar, mais isto puido ser debido á premura con que me movía aquela tarde no medio do grande fluxo de público que, hai que celebralo, enchía os camiños principais xa desde a mañá.

Foron moitos os amigos e coñecidos con que puidemos falar, entre os moitos que desexábamos ver. Os amigos de Sacaúntos e Urco Editora, a quen mercamos o segundo volume de Contos Estraños (unha sorte de revista literaria con formato de libro) e O xogo de Ender, un romance fantástico que predixo, á súa maneira, tanto os avances sobre o control mental da infancia canto Xulio Verne vaticinou o progreso posterior da ciencia.

Paramos un bon pedazo tamén con Moisés Barcia para que nos comentase as novidades de Rinoceronte, que non pára de dinamizar o seu catálogo; coñecemos a nova oferta en novela gráfica e aprovisionámonos de nomes da actual narrativa anglófona: Cotzee e Barnes. De paso, puidemos saborear o Superdicionario de Edicións Morgante, e agradecer o regalo das que van ser as nosas canecas máis literarias. Debido, supoño, a unha vaidade incontrolada teño que dicir que me fai graza pensar que, cunha demora de varias horas, Julian Barnes estará a tomar un café nun recipiente idéntico ao meu, pois segundo Moisés me contou desde que lla enviaron ao inglés esta pasou a ser a súa caneca preferida.

Tivemos tamén ocasión de sumarnos á presentación de Prestige (2.0 Editora), o último traballo publicado de Xosé Manuel Pereiro sobre o catastrófico naufraxio e a non menos desafortunada xestión política do accidente marítimo, o que deparou nesa triste ocasión en que tanto o pobo como os gobernantes que temos, en medidas opostas, demostraron o talle que realmente teñen. A conversa foi dinamizada por Manuel Jabois, con Pereiro na foto.

Outra das presentacións que non esquecimos foi a do Proxecto Cárcere da Coruña, que consiste nin máis nin menos no esforzo hercúleo que un florido grupo de artistas e veciños fan desde hai anos para converter un ámbito estatal de represión e castigo nun espazo para a arte e a convivencia, cunha perspectiva que resultaba aceptábel e necesaria para os políticos de onte e que é raposeiramente desatendida polos de hoxe. Na foto o artista Tono Galán está a preparar un vídeo sobre a presentación dos seus compañeiros do ProxectoProxecto Cárcere no Culturgal.

No eido musical, tivemos a grata experiencia de escoitar Os Irmandiños de Vincios, un grupo que nos ofreceu delicadas pezas propias e ademais doutras do repertorio tradicional. O resultado foi unha interpretación moi emotiva que me fixo imaxinar a banda sonora dun filme actual salpicado de toques costumistas e tradicionais, ao estilo de Despertando a Ned ou algunhas obras de Fellini. Perdoade a atrevida comparación de quen nada entende de música e moi pouco de cinema, mais cando a febra do peito resoa a imaxinación comeza a cabalgar… Aquí deixo o vídeo que a Tati realizou co teléfono. Integra este grupo un blogueiro moi querido por nós: Félix “Miriño”, de que escoitamos todas as entregas musicais que publica en O curioso impertinente.

E foron moitas máis as persoas que puidemos saudar, máis con certeza das que agora lembro: Germám Ermida (con quen puidemos desfrutar in situ da súa exposición As Cantigas de Santa María. Arte BDieval); Francisco Castro, de Galaxia (que veu presentar o novo proxecto Galaxia Tales); Celia e Bragado, de Xerais (presentando Os fillos de mar, de Pedro Feijoo); Fran Zabaleta e Xosé de Redelibros; as mozas de Elefante Elegante; Uxía Senlle; Gracia Santorum… e como non, o noso veciño de Arteixo Sergio Lago, a quen felicitamos pola organización dun evento que semella gañar en pragmatismo espacial e que se vai consolidando, coas dificultades de sempre máis as de agora, perante un público que debe comezar a descubrir toda a profesionalidade que a súa terra pode ofrecerlle no ámbito da cultura.

Share

O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz

Hoxe temos que agradecer o envío da última obra de Agustín Fernández Paz, publicada en Xerais:

«Coma se fosen as pedriñas coas que Hansel marcaba os seus pasos pola espesura do bosque, O rastro que deixamos reúne por vez primeira traballos dados a coñecer por Agustín Fernández Paz en diferentes medios e contextos ao longo do tempo, así como outros que permanecían inéditos. Neles, o autor aborda un regueiro de episodios fundamentais na súa vida, retallos da memoria que nos permiten achegarnos á ética e mais á poética do escritor. Estes rastros son unha mostra de dúas liñas de traballo esenciais, a memoria da infancia e o oficio da escrita. Na primeira parte, baixo a epígrafe «As paisaxes da memoria», reúnense escritos onde predominan as vivencias da nenez e da mocidade, naqueles anos en que asistiu á creación do mundo na súa Vilalba natal. Os textos da segunda, titulada «O oficio de escribir», fálannos da súa paixón pola lectura e pola escrita, así como da súa fe na forza das palabras para cambiar o mundo e cambiar a vida […]» {Ler máis en Edicións Xerais}

Share

Premios Xerais 2012: as entrevistas

Máis un ano tivemos a honra de colaborar na emisión e gravación dos Premios Xerais, onde non faltaron nin a celebración fraterna da nosa literatura nin a reivindicación dun apoio institucional digno para a cultura do país, que con explícitas palabras para os políticos presentes se está a facer recorrente e que sempre resulta amplificado por entusiasmados aplausos. Así mesmo, como noutras convocatorias improvisamos una serie de breves entrevistas a premiados, xurados, organizadores e asistentes, as cales ofrecemos aquí aglutinadas.

 

Share

Sonetos de Shakespeare

Libro Sonetos de ShakespeareCatrocentos anos despois das edicións londinienses, por fin desfrutamos dunha edición en galego á altura do clásico universal: 154 poemas en versións orixinal e máis galega, acompañadas de 435 páxinas de notas sobre os textos do tradutor Ramón Gutiérrez Izquierdo. Un presente que debemos agradecer a Edicións Xerais, editora que máis unha vez demostra o seu esforzo por construír o mercado literario que unha cultura como a nosa precisa, por moitas dificultades económicas e moitas insensibilidades políticas nos acosen. Que podan frearnos non quere dicir que podan deternos.

«Os Sonetos de Shakespeare son un dos cumios da poesía lírica de todos os tempos. As circunstancias que rodearon a súa publicación e a ambigüidade no relativo á identidade e ao sexo dos destinatarios teñen servido de escusa a múltiples conxecturas que, se ben non contribúen á comprensión dos sonetos, proban non obstante o continuo interese que desperta esta obra. Catrocentos anos despois de ver a luz, a modernidade destes textos segue resultando sorprendente, e o enfoque singular do bardo de Stratford fai que fique neles para sempre un halo de misterio. Nos sonetos asistimos a unha sorte de representación dramática onde unha voz meditativa vai debullando, en loita contra o tempo, os vaivéns do afecto e da paixón, da amizade e do amor, do anhelo e do desengano. Nesa percepción múltiple do teatro dos sentimentos danse cita os motivos máis diversos, desde a visión da natureza até a denuncia social ou a procura dunha trascendencia alén da morte. Ramón Gutiérrez Izquierdo presenta esta versión exemplar dos Shakespeare´s Sonnets acompañada de comentarios e notas sobre todos e cada un destes poemas, máscaras diversas do home das mil caras que foi William Shakespeare.» {Edicións Xerais}

Share