Premios do 30 aniversario do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía

O pasado venres 14 de maio foi inaugurado o Paseo das Letras, plantouse unha nova árbore e celebrouse, da man do artista Xurxo Souto, a cerimonia de entrega duns premios que de novo aumentaron a contía

Premios Manuel Murguía 2021 - 016

Inauguración do Paseo das Letras

«As actividades de Arteixo no venres 14 de maio, na maior proximidade do Día das Letras dedicado a Xela Arias, comezaron ás 19:30 coa inauguración do Paseo das Letras, o que desde ese momento deixa ver, mediante placas de aceiro no chan da parte máis concorrida do paseo fluvial de Arteixo, os nomes de todas as persoas premiadas en trinta anos de Certame. A inauguración foi acompañada polos representantes dos partidos políticos do Concello de Arteixo, así como polo gaiteiro Óscar Miranda Lodeiros, quen interpretou o himno do Antigo Reino de Galiza.

Premios Manuel Murguía 2021 - 035

Nova árbore coa placa: “Na horizontal da terra / a vertical dos soños”

A continuación foi plantada unha nova árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario, ao pé da cal reza a seguinte lenda: “Na horizontal da terra / a vertical dos soños”. Tal breve texto foi brevemente explicado ao público polo autor da proposta, o director literario do Certame, Alfredo Ferreiro Salgueiro. Este xesto ecolóxico contou coa interpretación a violín da peza “O pasodobre da Fraga” por Nuria Naya Riveiro.

Premios Manuel Murguía 2021 - 047

Xurxo Souto presentou o evento da entrega de premios

O evento de entrega de premios no Centro Cívico Cultural de Arteixo comezou perto das 20:30 e contou coa presentación do polifacético artista Xurxo Souto, quen non deixou de amenizar o acto coas súas dotes de contador de historias e de cantante sempre extasiado pola cultura popular. Tamén tiveron presenza os discursos dos coordinadores ou directores literarios do Certame do presente e do pasado: Henrique Rabuñal Corgo, quen falou dos inicios e da consolidación do Premio; Julio Mancebo Moreiras, quen mandou un texto lido por Xurxo Souto sobre os avances na súa etapa de coordinador; e Alfredo Ferreiro Salgueiro, quen recoñeceu o traballo dos seus predecesores, do Servizo de Cultura, do xurado de 2021, paritario na súa composición nos últimos anos e que conta coa colaboración permanente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega e coa Asociación Galega da Crítica. Tampouco se deixou de agradecer a participación dos máis de 70 traballos recibidos no Certamen, nin a presenza do público a un acto que estaba a ser gravado integramente.

Na parte central do evento, entregáronse os premios segundo o ditame que Souto leu da correspondente acta asinada por Alejandro Mene Pazos, Beatriz Maceda Abeleira, Inmaculada Otero Varela e Alfredo Ferreiro Salgueiro, na que figuraban os nomes dos premiados:

Premios Manuel Murguía 2021 - 074

Gabriel Gómez Estévez (2º premio), Arancha Portabales Santomé (1º premio) e Cecilia Fernández Santomé (3º premio)

1º. María Aránzazu Portabales Santomé, polo relato Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”, premiado con 4000 euros e a edición da obra.
2º. Gabriel Gómez Estévez, polo relato A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”, premiado con 2000 euros e a edición da obra.
3º. Cecilia Fernández Santomé, polo relato As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”, premiado con 1000 euros e a edición da obra.

Ademais dos premios, as persoas galardoadas recibiron unha peza escultórica de Dores Polo e Benito Freire, obra en miniatura e peza única que lembra outra maior dos mesmos autores situada no xardín da fachada do Centro Cívico Cultural, instalada en novembro pasado para inaugurar a conmemoración do Certame.

Premios Manuel Murguía 2021 - 071

Homenaxe sorpresa a José Manuel Piñeiro Balay

Deuse, por outra parte, unha sentida homenaxe sorpresa a José Manuel Piñeiro Balay, concelleiro de Cultura propulsor da creación deste certame no momento da súa creación, que consistiu na colocación dunha placa co seu nome nunha butaca do Auditorio e na entrega dunha peza conmemorativa, que agradeceu entre os aplausos de todos os presentes.

Premios Manuel Murguía 2021 - 075

Premiados, organización e participantes no evento

O evento contou coa intervención do Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto Rodríguez, e foi oportunamente clausurado polo Alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo Martínez, quen tivo o decoro de citar todas a persoas que nos 30 anos precedentes tiñan posibilitado o Certame, independentemente da súa función ou ideoloxía. En todo momento unha pantalla estivo mostrando os nomes gañadores e os nomes dos xurados no fondo do escenario, para que non esquecésemos que o prestixio que o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía foi erguido co traballo e o talento de moitas persoas, como acontece con todo que ten valor autenticamente humano en calquera tempo e lugar.

Contacto: Alfredo Ferreiro Salgueiro (609 653 176)
Director literario do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

Cf. Concello de Arteixo

Share

Historias de ultramar: Pepito “O peinado”

Pepito “O peinado”

Manuel Mancebo Batán (diante)

Por volta dos anos 1870 na vila de Palavea -hoxe Concello da Coruña e antigamente Municipio de Elviña- vivía unha moza chamada Micaela Batán Vázquez. Era unha muller sen escola, como tantas da súa extracción social, que tiña conseguido un posto na fábrica de tabacos da Coruña. Camiñaba de luns a sábado seis quilómetros de ida e seis de volta, paciente e constantemente, para ao final do mes recibir un xornal e unha cantidade de tabaco coa que facía algún troco necesario. Era, na altura, unha situación económica nada desprezábel.
Micaela tiña un mozo a cumprir o servicio militar en África, do cal recibía cariñosas cartas coas que ambos pretendían vencer a distancia. Porén, a memoria periódica daquel soldadiño tristemente afastado en terra de mouros precisaba da axuda dun intérprete, dado que a cigarreira non sabía ler. Na vila de Palavea esta función cumpríaa habitualmente José Mancebo Catoira, por outro nome Pepito “O peinado”, de profesión “pendolista”, quen por regra se dedicaba á redacción de documentos e á asesoría epistolar dos que estaban faltos de instrución. Foi Pepito, nesta circunstancia, requirido para ler as cartas do soldado e redactar as respostas da Micaela unha e outra vez, até que o rapaz foi tomando conta do valor da súa traballadora aínda que iletrada veciña. Interesado máis e máis cada día por aproximarse a aquela muller que o destino lle poñía ao carón, dispúxose a asegurar estratexicamente a súa posición e comezou a distorsionar as mensaxes dela mostrando un progresivo desprezo nas cartas dirixidas ao mozo ausente. Finalmente, a batalla oculta chegou ao seu termo cunha definitiva detonación nunha carta versionada habilmente polo calígrafo; a cigarreira, sen ela mesma o saber, naquela carta comunicaba ao triste soldado: “Mais nada quero de ti. E como aparezas por aquí escánchote como a un xurelo”.
Non será preciso observar que faltaron máis cartas entre Palavea e o exército español en África, e que Pepito “O peinado” atopou a porta franca para conquistar o corazón de Micaela. Mais o sangue, como a auga das marés, non cesa de bater no cantil da carne até que xorde a espuma da vida. Así foi que na praia partillada por Micaela e Pepito o mar da paixón deitou un fillo, Manuel, que había de enfrontar a necesidade de traballo que seus pais, entre follas de tabaco e papel, nunca sufriran.
Manuel Mancebo Batán naceu en Palavea por volta de 1880 e casou con Elisa Paz García, de Monelos, daquela Municipio de Oza e non da Coruña, como na actualidade. Chegados catro fillos ao mundo, o matrimonio dispuxo a aventura do pai nos recursos migratorios, e o destino foi claro: La Habana, unha cidade en que os galegos tiñan progresado a principios do século XX como en poucos lugares do mundo. Se arredor de 1880 os galegos habaneros falaban de crear un “Ateneo Gallego”, sen dúbida seguindo os modelos das maiores cidades do país de orixe, a principios do século seguinte contaba o Centro Gallego de La Habana con dez mil asociados e un local social que resultaba ser en verdade un magnífico palacio no mellor espazo da cidade, onde os fillos dos emigrantes eran ensinados por competentes profesores; onde se celebraban espléndidas festas e grandiosos bailes para milleiros de persoas; con servizos de pasaxe para a repatriación daqueles paisanos máis morriñentos que precisaban dos aires patrios por prescición médica. O centro galego, como nos lembrou o escritor Xavier Alcalá, estaba tasado en 2.000.000 de pesetas e os seus ingresos anuais ascendían a 1.000.000 de pesetas, útiles para prestar multitude de servizos e conservar e aumentar a propiedade… Titularidade do Centro era tamén a Casa de Salud “La Benéfica”, que anos máis tarde albergaría o Palacio de la Cirugía, sen dúbida un dos servizos de atención médica máis adiantados do globo.
A este mundo industrializado e moderno chega Manuel, deixando atrás a Galiza que a duras penas abandonaba os lastros do Antigo Rexime. Deseguida arranxa traballo e se establece como operario da industria do calzado, co oficio de cortar as pezas de pel dos zapatos que viste por coleccións, a xogo cos traxes. É unha vida que lle permite mandar diñeiro durante uns dez anos, ao punto que consegue sufragar a construción da nova casa familiar en Monelos, no número 109. Da súa aventura cubana a familia conserva un baúl completamente forrado con billetes de lotería, case todos co número 17.168; no fondo obsérvase o recibo dunha póliza do Centro Galego de La Habana. En canto ás fotos que se conservan, os seus descendentes de hoxe unanimemente estiman que, a pesar do peso que a distancia da familia impuña, nas fotos de Manuel en Cuba se revela a luz de quen tiña abandonado a lama da súa terra para experimentar o que imaxinaba como un luminoso futuro.

Fotos de A. F. sobre obxectos da familia: Manuel Mancebo Batán (diante); o baúl de Manuel; detalle do baúl: póliza do Centro Gallego de La Habana; detalle do baúl: décimo de lotería.

[Este relato foi publicado por Alfredo Ferreiro na revista Gal(l)egos nº9, para a nova sección “Historias de Ultramar“.]

Share

Historias de ultramar: Entre indios charrúas e divas da zarzuela

Historias de Ultramar

Esta que agora comeza é unha nova sección que tentará divulgar as vicisitudes dos nosos emigrantes, familiares e amigos, por medio do relato das súas aventuras nacidas da necesidade e a ousadía. Quen non escoitou historias reais e non por iso menos sorprendentes en contextos como selvas, desertos, mares ou loucos ventos? Historias con frecuencia difíciles de crer, que tantas veces converten o humilde e común protagonista nun novo Ulises, nacido para superar as probas máis difíciles. Porque todos sabemos que onde exista o limite do desarraigo, do impacto do exótico, do traballo sen descanso ou do esforzo nun contorno hostil, aí emigrou un galego.

Se a mellor ficción literaria implica unha reflexión profunda sobre o destino, estas Historias de Ultramar, sendo realidade pura, poderían ben ser a descrición do destino mesmo. Desta perspectiva, a sección ofrecerá historias reais, sorprendentes mais relatadas con mínimo adubo, e sempre temperadas pola pluma dunha man experta. Sirvan como inicio estas primeiras transcritas pola miña, con certeza facilmente superadas en arte polos escritores de próximas entregas.

Foron as historias que agora ofrecemos recollidas da boca precisa e a memoria lúcida de María Elisa e Julio Mancebo Moreiras, naturais da Baiuca, lugar orixinario da vila de Arteixo, na provincia da Coruña; as fotos foron fornecidas pola familia; o tratamento dixital das mesmas debe agradecerse a Antonio Iglesias Núñez.


Entre indios charrúas e divas da zarzuela

Cara os anos sesenta do século XIX José González Mes, veciño de Arteixo, colleu un billete de barco na Coruña por valor de cento cincuenta pesetas. As débedas da familia, contraídas a consecuencia da compra dunhas fincas que fixera o seu pai, depositario dos fondos municipais, obrigábano a aventurarse nunha viaxe transatlántica con término no Uruguai.
Este país, oficialmente independente da Coroa Española trinta e dous anos antes, ofreceulle traballo nunha das grandes quintas do interior, en labores necesarias para unha importante propiedade dedicada aos gandos bovino e equino. Deste modo o ousado galego traballaba xa a moitos quilómetros da súa terra, e mesmo a tantos da capital uruguaia que, segundo se conta aínda hoxe na familia, o pan chegaba no ferrocarril cada quincena. Mais a vida nese xoven estado uruguaio era aínda insegura a causa das accións de pillaxe dos indios charrúas, unha comunidade nómade que sufría desde había séculos a constante apropiación da terra e os intentos de exterminio por parte dos colonizadores hispanos e os seus descendentes. E tanto era o risco por este conflito social, que nunha ocasión os indios atacaron a propiedade e varios traballadores, entre eles José, foron capturados.
Uns anos máis tarde da chegada de José, as súas irmás María e Carmen tiñan arribado tamén a Montevideo para buscar traballo. Pediran dez mil pesetas para a viaxe, e probabelmente despois de alixeirar algo as débedas familiares cruzaron o Atlántico con non menos valentía e capacidade que o irmán de ambas. Carmen sempre destacou polo seu sentido común e unha sólida e luminosa intelixencia. Aínda hoxe a xente lembra en Arteixo como, xa avellentada, recibía calquera que lle pedise consello sobre un litixio, un acordo incumprido ou un requisito legal: baixaba do piso, inclinábase sobre o mostrador da tenda sostendo a súa face na palma da man e solicitaba calidamente a exposición do problema: “A ver, cónteme vostede que aconteceu, amigo…”.
María, pola súa parte, sempre destacou pola elegancia natural e o trato fino e considerado, algo que sen dúbida a ía axudar a atopar traballo no Uruguai. Estas cualidades deberon propiciar que fose contratada como camareira da famosa artista Dolores Franco de Salas, unha grande señora da Zarzuela madrileña que triunfara en toda España e se atopaba de xira por América. La Franco, como era coñecida polos amantes daquel xénero que destronou a ópera italiana na segunda metade do século, foi aplaudida sen cesar durante seis lustros e máis de cincuenta anos despois aínda os bebés eran arrolados con versos da súa interpretación máis celebrada como Paloma en El barberillo de Lavapiés, composta por Francisco Asenjo Barbieri sobre libreto de Luis Mariano de Larra: “¡Ay, mamá!, ¡qué noche aquélla! / cuando el falso me decía…”
É curioso comprobar, entre o vocabulario galego recibido polo español das Américas, como a palabra “charrúa”, de orixe incerta, ten varias acepcións na lingua da Galiza, como as que referencian un tipo de arado ou o modo tradicional de disfrazarse no entroido de Allariz. No entanto, as concomitancias lingüísticas non deberon ser suficientes para que José convencese os indios da súa liberación. Moito ao contrario, a situación atinxiu momentos realmente preocupantes cando o celo dos indios era maior: un seu compañeiro preso, coñecedor de palabras indíxenas, chegou a escoitar aos indios que se fuxían lles contarían as plantas dos pés.
Cando coñeceron Carmen e María a desaparición do irmán, unha das estratexias que adoptaron, despois de procuralo arduamente, foi publicar un anuncio nos xornais para tentar que alguén chegase con noticias á súa morada na capital. Ninguén sabe canto tempo estivo José en cativerio nin canto tardou en liberarse, mais o galego conseguiu finalmente fuxir e unha vez libre debeu atopar o anuncio impreso que había de deseñar na súa face o máis puro xesto de tenrura fraternal. Semanas máis tarde, alegre e ansioso aínda que descoñecido por unha barba asilveirada, José chegou a Montevideo e puido abrazar de novo as súas irmás.
Carmen e María voltaron despois de dez anos de experiencia uruguaia. José casou e tivo un fillo, e máis nada se soubo del.

Foto: fornecidada pola familia; María (en pé, primeira pola dereita) e Carmen González Ames (segunda, sentada).

Gravura: Dolores Franco de Salas, segundo a revista Blanco y Negro de 30/01/1927, p. 69.

[Este relato foi publicado por Alfredo Ferreiro na revista Gal(l)egos nº9, para a nova sección “Historias de Ultramar”, creada por el mesmo.]

Share