“Medre o mar!”: homenaxe a Bernardino Graña

 

«Medre o mar! é o título dunha homenaxe nacional a Bernardino Graña que se celebrará na Coruña o sábado 1 de setembro, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega. O programa está composto polas seguintes actividades:

MIRANDO O MAR. No Parque da Torre de Hércules, zona dos menhires.
11:00 h. Os artistas crean arredor da obra do poeta, sendo expostas pola tarde no patio da Reitoría (Maestranza) da Universidade. Con: Carlos Botana, Carmen Cierto, Alfonso Costa, Suso Cubeiro, Inma Doval, Rubén Mariño, Martazul, Miguel Melero, Augusto Metztli, Mercedes Molares, Begoña Pastoriza, Ánxela Pérez Meilán, Isabel Pintado, Soledad Pite, Tino Poza, Mely Secas, Nolo Suárez e Begoña Tojo.
12:00 h. Contacontos e lecturas dramatizadas, a cargo de Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.
12:45 h. Outras voces, recital. Con Natalia Concheiro, Berta Dávila, François Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Denís Graña Fernández, Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre Nerium, Begoña Paz, Alexandre Ripoll, Dores Tembrás e Ramiro Torres.

PASAR A MAROLA. Na Dársena.
16:45 h. Travesía polo mar da Coruña. Con Anxo Angueira, Xabier P. DoCampo e Luís Dopico. É preciso reservar previamente no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, de 10:00 a 14:00 h. As prazas son limitadas, e o prezo é de 5 euros.
18:00 h. Marcha gaiteira en louvanza do poeta, con Maghúa, Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña.

MEDRE O MAR!. Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza.
18:30 h. Acto poético-musical, con proxeccións audiovisuais. Coa participación de: Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, A Quenlla, Pablo Coello e Xacobe Meléndrez Fassbender, TingaLaranga Audiovisual, Coro mar das Acentes e Xurxo Souto.» {Vía Axenda Cultural AELG]

Share

‘O levantador de minas’ recibe o Premio da AELG

«Estes son os gañadores dos Premios AELG 2011, fallados na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que premian as mellores obras editadas en 2010 nas modalidades de:

Alén destas categorías, entregáronse outros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

A velada foi memorábel polo ambiente de irmandade que se respiraba. Foron varias as reivindicacións en favor da lingua e a cultura, e non faltou a propia do Antonio Gamoneda, quen recoñeceu neste país unha moi digna e férrea vontade de consolidar a súa cultura nestes tempos tan difíciles, vontade admirábel para el e grazas á cal sente renovadas as súas ansias reivindicativas, pois comprende e apoia as nosas. Pola miña parte, ademais de recibir múltiplos parabéns e ter ocasión de corresponder a tantas e tantos de igual modo, non perdín a ocasión de recoñecer a miña admiración pola obra do Gamoneda, así como agradecerlle o ben que fala da poesía galega sempre que ten ocasión e coincidir co mestre en que o portugués Herberto Helder ben podería ser o mellor poeta vivo de Europa.

Aliás, quero agradecer a colaboración dos amigos que teñen aberto o ángulo de visión e acrecentado a calidade d’ O Levantador de minas (Tati Mancebo, Ramiro Torres, Ernesto Vázquez Souza, François Davó, José António Lozano, Pedro Casteleiro, Suso Pensado), así como as intervencións de todas as persoas que teñen fructuosamente participado con moitos e interesantes comentarios sobre os temas tratados neste blogue.

[A entrega de premios foi emitida ao vivo por Tati Mancebo]

Share

Ein Rosenfeuer, das uns Verstört: 4 Dichter aus Galicien (4 poetas galegos)

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/kvjkk3gDwXg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

O acto, ao que non puido asistir Manuel Rivas por atoparse en Bos Aires, asistimos algúns incondicionais e moitas outras persoas que encheron o aforo. É de resaltar que a edición bilingüe implica a primeira tradución de poesía galega para o alemán, o que nos enche de satisfacción e nos obriga a ser moito máis ambiciosos. Non é só porque alguén da talla poética de Antonio Gamoneda estime que estamos a crear parte da mellor poesía europea, é que o di, á parte de algúns de nós, moita máis xente que bebe con criterio na poesía española e europea. Isto debe ser resaltado porque que o digamos os máis paisanos, por moito que inspeccionemos o que por aí fóra se fai, semella en ocasións non ter transcendencia.
A maiores, recomendamos as argumentacións de Xosé María Álvarez Cáccamo e Xulio López Valcárcel que, se ben non sorprenden aos máis sensíbeis, cumpriron o papel de denuncia que os tempos actuais exixen.
Parabéns, para alén de aos autores, aos editores e tradutores que participaron nun proxecto sen dúbida de histórico valor. Máis información aquí (PDF).

O vídeo é un traballiño noso para a comunidade de Blogaliza.

Share

Manuel Rivas e un toxo na Real Academia Galega

Que Manuel Rivas levase o seu toxiño na man o día da súa entrada na Academia é algo engrazado. É certo que hai moitos anos que anda coa poliña espiñenta e florida, mais velo agora así enfeitado no rito desa tan antiga institución semellou darlle ao vello xesto rivasiano todo o seu sentido. Semellaba en silencio dicirnos: «Aviso de que levo espiñas acarón das flores; sei que na Academia atoparei flores acarón das espiñas; lembremos através do toxo o que a Cultura é: interacción entre a sociedade e a terra». O que había de simbolizar aquel toxiño elevado a digno acompañante en honra tamaña, sendo como foi durante milenios febra primordial do traballo fertilizador? Un dos máis duros traballos da vella aldea era extraer da corte os cheirentos torróns coa picaña e carrexalos até a leira onde habían de fertilizar os campos que precisamos para manter o gando. O toxo, ese cacto autóctono que tanto apesaraba o raposo no alto de Camariñas, foi de tal modo necesario para o sistema agrogandeiro tradicional que era replantado cada tres anos no monte. Por milenios unha folla brava e útil, este día foi ademais unha alegoría universal.

Máis información na Axenda Cultural AELG e no blogue da editorial Xerais.

Share

Hoxe recitamos no Rosalía de Castro na Mostra de Ciencia e Cinema

Dentro da Mostra de Ciencia e Cinema hoxe mércores ás 20:30 terá lugar no Teatro Rosalía de Castro un recital poético co título POESÍA + CIENCIA no que participarán Marica Campo, Emma Couceiro, Estibaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Manuel Rivas e Xavier Seoane. O acto estará presentado por Lucía Aldao e contará coa actuación musical de Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xabier Díaz. A entrada é de balde.

 

Share

No recital de Xavier Seoane e Manuel Rivas

Foto: César Morán, Xulio Valcárcel, Miguel A. Fernán Vello e Xavier Seoane.

O local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda estaba cheo, e iso incluía o chan e o corredor até o fondo. O acto comezou cunhas palabras que en nome dos alexandrinos proferiu Miguel Mato Fondo, en actitude de emotiva rememoración da Coruña dos 80. Logo falou o crítico da mesa, César Morán, quen nos  deseñou o percurso poético dos dous autores e mostrou algunhas das súas primeiras publicacións; entre elas o caderno rústico Anisia e outras sombras, feito a dúas mans, e os primeiros números da inesquecíbel Luzes de Galiza.

Cando Lino Braxe apagou as luces e na mesa prenderon un faroliño pequeno, o recital comezou e os meus recursos técnicos reveláronse estrondosamente improcedentes para deixar testemuño audiovisual do evento (aquí desculparán que non ofreza do mesmo máis do que esta foto). Gustaría de  poder  ofrecer unha mostra do ambiente case gótico que unha tenue luz propagaba polas faces dos poetas proxectándose até os altos teitos dun andar que tería por volta dos cen anos. Só a luz da rúa dos Olmos, iluminando através de tres esveltas xanelas, evitaba que nos sentísemos ás escuras cando Xavier Seoane comezou a recitar. Comezou polo principio, os poemas de finais de 70 e terminou no libro que actualmente se está a distribuír nas librarías, Do ventre da cóbrega, sempre co seu ton de trascendencia e fondo sentimento. Logo leu os seus Manuel Rivas, desde aqueles máis densos até eses outros máis narrativos e de efeito final con pica-pica, pasando por outros que semellaban pequenos excertos de poesía cinematográfica.

Mais o recital permitiu reflexións para alén do facto poético concreto. Houbo quen preguntou que podían facer os poetas perante a inxustiza mundial, e tamén quen lles preguntou se eles mesmos acreditaban en espíritos. Non podía ser menos, estando como estamos en crise e xa entrados na Era de Acuario. Mais a crise de que falou Seoane foi a que me sorprendeu, até porque falou de auténtica crise moral nestes tempos. Argüíu o meu exprofesor que en 70 e 80, cando el entendía que o seu nivel de vida melloraba nesta periferia da periferia que é Galiza, os tempos de Reagan e Thatcher iniciaban un retroceso de benestar social que só nestes últimos tempos se fixo aquí evidente. E isto dá lugar a unha quebra moral enorme, cando se recoñece como docente a recomendar aos alunos que se esforcen por atinxir títulos cando xa nada asegura un traballo digno. Está convencido de que as novas xeracións van ter que saír á rúa a defender cada día liberdades que nas xeracións anteriores se creron xa consolidadas, e que a necesidade fará que nos tempos difíciles se xeren movementos reactivos contra a represión e a caída do nivel de vida. Foi un discurso moi crítico coa situación actual, que a moitos debera facer reflexionar antes de que nos vexamos lamentando o espazo libre perdido.

O resultado foi para min un recital sentido, elevado e entrañábel ao tempo, que me fixo revalorizar os tempos en que eu me esforzaba coas mesmas actitudes que aquela tarde eles rememoraban. As necesidades dos poetas semellan ser sempre as mesmas, ao menos no inicio daquilo que debe considerarse unha auténtica vocación.

A. F.

Share