MEDRE O MAR! – Homenaxe a Bernardino Graña

Ao Bernardino Graña

Se o poeta cando dorme, soña,
cando acorda navega
polo mundo que soñou.
O poeta é un capitán
que como mariñeiro traballa
arriando os versos,
izando as metáforas
fregando a cuberta
do poema,
suxeitando o leme
da inspiración.
O poeta é uma garrafa
que contén o soño
fraterno do mar,
un mariño amotinado
contra a armada
da sen razón,
un pirata encendido
contra a marea negra
do autoritarismo.

Oh, Bernardino,
que che hei contar
do episodio das mareas
e a súa influencia no sistema
circulatorio do poema?
Sístole e diástole,
amor que vai e vén
como os barcos na faena
guiados por un faro invisíbel,
torre vertebral do poeta.
Saes de madrugada
co teu corazón fóra-borda,
o ollar no horizonte
e por aparello unha rede
urdida con palabras.
Á fin da xornada
a pesca florece
no que pasas a limpo
como a area peneirada
entre os dedos da man:
as algas de que nacemos
e o sal que nos fai medrar.

Oh, Bernardino,
ti es vello e sabio
e eu estou perdido
nesta lobeira do mar.
Gustaba que me acompañases
na procura das correntes
que aquecen o mar,
na singradura en que o océano
se torna poesía
e as mans do poeta
mans de pescador.
Habiamos de bogar unxidos
reis poetas do mar maior,
erquidos pola onda sublime
que a verdadeira poesía funda.
Á noite, cantariamos xuntos
como alegres mendigos
do altar secreto
dunha tasca inmunda.

Ribeira, 31 de agosto de 2012

Share

“Medre o mar!”: homenaxe a Bernardino Graña

 

«Medre o mar! é o título dunha homenaxe nacional a Bernardino Graña que se celebrará na Coruña o sábado 1 de setembro, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega. O programa está composto polas seguintes actividades:

MIRANDO O MAR. No Parque da Torre de Hércules, zona dos menhires.
11:00 h. Os artistas crean arredor da obra do poeta, sendo expostas pola tarde no patio da Reitoría (Maestranza) da Universidade. Con: Carlos Botana, Carmen Cierto, Alfonso Costa, Suso Cubeiro, Inma Doval, Rubén Mariño, Martazul, Miguel Melero, Augusto Metztli, Mercedes Molares, Begoña Pastoriza, Ánxela Pérez Meilán, Isabel Pintado, Soledad Pite, Tino Poza, Mely Secas, Nolo Suárez e Begoña Tojo.
12:00 h. Contacontos e lecturas dramatizadas, a cargo de Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.
12:45 h. Outras voces, recital. Con Natalia Concheiro, Berta Dávila, François Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Denís Graña Fernández, Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre Nerium, Begoña Paz, Alexandre Ripoll, Dores Tembrás e Ramiro Torres.

PASAR A MAROLA. Na Dársena.
16:45 h. Travesía polo mar da Coruña. Con Anxo Angueira, Xabier P. DoCampo e Luís Dopico. É preciso reservar previamente no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, de 10:00 a 14:00 h. As prazas son limitadas, e o prezo é de 5 euros.
18:00 h. Marcha gaiteira en louvanza do poeta, con Maghúa, Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña.

MEDRE O MAR!. Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza.
18:30 h. Acto poético-musical, con proxeccións audiovisuais. Coa participación de: Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, A Quenlla, Pablo Coello e Xacobe Meléndrez Fassbender, TingaLaranga Audiovisual, Coro mar das Acentes e Xurxo Souto.» {Vía Axenda Cultural AELG]

Share