XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Onte, sábado 14, ás 19:30 estabamos en Sarria para a entrega do premio a Eva Veiga polo seu libro A distancia do tambor. A velada deu para moito, e porén non foi máis que o memorábel colofón dun evento organizado con primor polos amigos da Asociación Cultural Ergueitos, que neste ano atinxía a décimo terceira edición. O acto foi conducido por Rosa Enríquez, quen ofreceu unha atinada reflexión sobre a importancia dos premios literarios para os autores e para os lectores, ademais de describir o esforzo sobradamente recompensado que desde o xuri tivemos que realizar para escoller un traballo entre os 82 presentados, cando eran polo menos media ducia os que sen dúbida podería ser galardoados. A continuación, o outro xurado, Xerardo Quintiá, vencedor dunha edición pasada, debullou con perspicacia e sentimento as liñas mestras da obra premiada anticipando para o público as virtudes dun poemario que sen dúbida será visto como unha obra maior.

A continuación foi o concelleiro de cultura Francisco Pérez (PP) quen resaltou o esforzo que están a facer en Sarria por manter o apoio económico a un premio que consideran un referente valiosísimo no contexto do país. É desde logo un mérito que merece o máximo recoñecemento a colaboración de Pérez xa desde o nacemento do premio, segundo nos constata a Ergueitos, especialmente cando desde o partido que el representa vemos día após día incesantes agresións á cultura galega. Aínda ben que nalgúns lugares podemos achar sensibilidades que fan gala do sentido común que nos inclina a valorar o patrimonio cultural como un ben prezado para o presente e o futuro. Non todo está perdido se hai persoas así, coas que habemos de partillar momentos felices como o de onte para alén das consignas e as disciplinas de partido.

A intervención de María Casar, presidenta de Ergueitos, constituiu un percurso emotivo polos trece logros que conforman xa o premio do Fiz Vergara, e que a día de hoxe ofrece á vencedora 6.000 euros, unha obra escultórica de Miguel A. Macía e a publicación da obra. Como última intervención, Eva Veiga agradeceu o premio e ofreceu un recitado maxistral sobre os versos do poemario, facendo gala das dotes para a dicción poética que tantos aplausos lle reporta nas actuacións do Grupo Ouriol. Quero lembrar, entre os argumentos esgrimidos pola autora no seu discurso, un que me resultou especialmente esclarecedor. Eva Veiga defende que a poesía constrúe unha utopía que transforma a nosa visión da realidade. Por que? Porque a partir da visualización da utopía ou dun mundo posíbel novas hipóteses enriquecen a nosa interpretación do mundo, xa que a realidade non existe para alén da nosa interpretación da mesma.

O acto foi completado coa interpretación de varios temas musicais interpretados a piano por Antonio Queija. Aquí ofrecemos os vídeos que Tati Mancebo puido facer cun Ipad.

Share

Últimos libros no noso buzón

Moitos foron os libros que nos chegaron nas últimas semanas; tantos que, apesar do seu interese intrínseco, non puidemos referencialos como se merecen. Tentaremos dar hoxe noticia dalgúns deles.

antecedentescriminais.jpgAntecedentes criminais, de Amadeu Baptista (Edições Quasi). Baptista ofrece neste libro unha antoloxía persoal sobre vinte e cinco anos de creación poética. Ademais de contar co recoñecemento que corresponde a un dos poetas portugueses actuais de máis rica e sólida obra poética, vén agora de ser galardoado co Premio nacional de poesía Sebastião da Gama. Moitas son as referencias que se poden atopar na rede sobre as últimas entregas deste autor que coñecemos en Salvaterra do Miño e non deixamos de apreciar como poeta e amigo (1, 2, 3, 4, 5, 6, 7…), e moitas mais sen dúbida serán as honrosas menzóns que a partir de agora recibirá unha tan merecente obra. Parabéns para el.

xoseantoncascudomanual.jpgDa editora Espiral Maior recibimos con grandes espectativas os últimos premios de poesía GZcrea 2006: Manual do misántropo, de Xosé Antón Cascudo (primeiro premio) e Isto é un poema e hai xente detrás, volume colectivo en que participan Lucía Aldao, Brais González, Ledicia Costas, Alberte Momán e Verónica Martínez (segundo e terceiro premios eluciaaldaoeoutros.jpg mencións de honra). O premio, que está asesorado pola AELG, contou cun extenso elenco no tribunal: Rubén Cela (presidente), Ana Vidal (secretaria), Enma Couceiro (vogal), Estíbaliz Espinosa (vogal), Eduardo Estévez (vogal), Miguel Anxo Fernán Vello (vogal) e Cesáreo Sánchez (vogal).

gabrielnascenteinventario.gifDo Brasil interior (Goiânia) chegounos a última entrega do prolífico poeta Gabriel Nascente, Inventario poético (Editora Alternativa). Unha fermosísima edición de 500 páxinas que contén unha selección da súa poesía, con textos de 1967 a 2003. Constitúe unha necesaria mostra dun creador que xa atinxiu a 39ª obra publicada. Para a reflexión sobre a utilidade das axudas privadas facemos constar que o libro foi patrocinada polo Laboratório Neo Química, ademais de apoiada por catro institucións máis relacionadas coa industria de Goiás.

art_natura2.jpgEspecialmente recomendábel é visitar a exposición intinerante ARTNATURA. Pola defensa da Rede Natura Galega. Pola defensa do medio natural galego, organizada por ADEGA. Esta exposición, que naceu en Compostela e agora reside provisionalmente en Lugo, ofrece a convivencia de obras de diversas disciplinas co único fin de apoiar os esforzos representados no seu propio título: textos manuscritos, vídeos e imaxes (pinturas, fotografías…). Os escritores que participan son: Marilar Aleixandre, Glauco Antonio Amigo, Rosa Aneiros, Xurxo Borrazás, Darío Xohán Cabana, Fernando Cabeza, Francisco Castro, Olalla Cociña, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Xoán Carlos Domínguez, Rosa Enríquez, Lobato, Yolanda López, Xulio Valcárcel, Ramón Loureiro, Xosé Miranda, Teresa Moure, Xesús Pereiras, Vicente Piñeiro, Xesús Rábade, Henrique Rabuñal, Daniel Salgado, Xavier Seoane, Xosé Vázquez Pintor, Miro Villar, Helena Villar e que isto escribe. Só o maravilloso catálogo da exposición merece unha ollada demorada, pola inmenso pracer que produce a interdisciplinariedade artística en favor dun único e tan xusto obxectivo.

afortiorielmararayas.jpgDe A FORTIORI (Bilbao) presenteáronnos con El mar a rayas, de Susana Barragués e Carlos J. Cecilia. No marco dunha colección titulada “En favor de la familia”, este libro contribúe a ampliar o concepto de familia dentro do noso imaxinario colectivo; porque non se trata de falarmos en contra da familia, como uns progres desnortados, senón de entender que a familia pode ter multitude de fórmulas sen deixar de ofrecer aquilo que de máis valioso posúe: «-Es que estamos separados -le había explicado su papá, que utilizaba el volcán de la isla para freír docampo_hoyvasaentrar.jpghuevos. Pero Caterina no entendía qué significaba «separados». Y un buen día, pensando en aquella difícil palabra, Caterina se dio cuenta de que había perdido un calcetín». Editado en castelán e euskera.

E non queremos de deixar de lembrar que esta editorial publicou no último Nadal unha singular obra de Xabier P. Docampo, Hoy vas a entrar en mi pasado, con ilustracións (en libro anexo) de Xosé Cobas.


Share