Fisterra, a derradeira perla de occidente

No pasado día da Revolução dos cravos o escritor Modesto Fraga ofreceunos a agardada presentación en Arteixo do seu primoroso libro sobre Fisterra. Xa sabíamos que era unha obra que trascende amplamente o concepto de guía turística local, mais puidemos comprobar até onde son capaces de chegar a súa paixón pola vila e a súa altura intelectual. Porque este libro mostra moito máis que unha terra atlántica con personalidade memorábel: toda a idiosincrasia do pobo galego fisterrán. Deste modo, a obra de Modesto repara nas referencias históricas máis relevantes, nas características físicas e espirituais do seu singular patrimonio, nas peculiaridades da fala e da toponimia, nas personalidades da vila, ao tempo que noutros aspectos máis mundanos e pragmáticos como os servizos de hostelaría e as rotas e lugares recomendados aos camiñantes.

Non podía ser doutro modo: Modesto Fraga quería dar a coñecer as virtudes da súa Fisterra aos turistas, por iso como valor principal había de falar das cualidades da súa xente. É o que diferencia un humanista dun simple reporteiro.

Quen desexe recibir na súa morada o libro Fisterra, a derradeira perla de occidente, debe solicitalo no teléfono 615 48 45 07 ou ben no correo electrónico: luscandil@gmail.com. Mandaranllo asinado polo autor e sen ningún gasto de envío ao prezo de 16 €.

Share

Turismo interior, gozo profundo

Praia de Coroso desde unha terraza de Palmeira (Ribeira) Non estou en Ibiza nen na Costa Azul, senón nunha terraza paradisiaca onde se pode tomar un refresco por menos de 2 euros, a carón de Ribeira, esa grande vila que os gobernantes rancios de sempre tentan pasar por “Riveira”, se cadra para que se afaste da lingua que falan o 97% dos seus habitantes e se asemelle máis do francés, nunha tentativa de disimular un españoleirismo demodé.

Aínda ben que talentos da talla de Quico Cadaval colocan no seu sitio a bandeira ribeirana, para orgullo de propios e admiración de todos.

Eu hoxe só pretendo animar o persoal a visitar este lugar marabilloso, onde a xente fala cun seseo que me acariña as orellas e tan ben me sinto tratado desde hai varias ducias de anos.

A foto, como sospeitades, foi tirada esta mesma tarde xusto antes de porme a escribir estas liñas.

Share